O BNG demanda no Parlamento Galego o mantemento de profesorado de lingua de signos no CEIP Escultor Acuña

signos

_ A fronte nacionalista levou a demanda da comunidade educativo deste centro vigués ao Parlamento galego.

_Denuncian a insensibilidade da Xunta nunha cuestión que atinxe á integración do alumnado con hipoacusia.

O BNG demanda no Parlamento Galego o mantemento de profesorado de lingua de signos no CEIP Escultor Acuña

O BNG vén de defender no Parlamento Galego, a través da deputada nacionalista Olalla Rodil, unha iniciativa dirixida a dotar pola vía de urxencia ao CEIP Escultor Acuña de Vigo dunha/un profesora/or especialista en linguaxe de signos.

Esta petición está dirixida a dar continuidade ao proxecto de integración e innovación que viña funcionando dende o curso 2012/13, así como para poder impartir a materia de libre configuración de Linguaxe de signos. A iniciativa foi rexeitada en comisión parlamentar polo Partido Popular, malia contar co apoio do resto de grupos da cámara.

No CEIP Escultor Acuña de Vigo, referente na integración de alumnado con trastornos de hipoacusia dende o seu inicio en 1980, viña funcionando dende o curso 2012/13 un proxecto de integración e innovación consistente en integrar nas competencias clave, para toda a comunidade educativa, a lingua de signos como unha forma de aumentar as posibilidades comunicativas e de integración de todo o alumnado; sendo este o único centro educativo en toda Galiza no que se desenvolve este proxecto.

Este proxecto funcionou até o curso 2016/17, estando aprobado no claustro como materia de libre configuración para os cursos de 4º e 6º a materia de Linguaxe de signos, e que non se está a impartir ate o de agora, tal e como está a denunciar a ANPA do citado centro.

Semella que en maio de 2017 tivo lugar unha xunta da Dirección do Centro coa Xefatura Territorial da Consellaría de Educación, a resultas da cal comprometeuse a tramitar a aprobación da solicitude da persoa necesaria para a continuidade do proxecto.

Mais o certo é que, a día de hoxe, seguen sen ter nomeada esa persoa especialista en linguaxe de signos, argumentando a Xefatura Territorial de Pontevedra que xa teñen profesorado suficiente de Audición e Linguaxe.

Para o BNG é de lamentar a insensibilidade amosada polo Goberno Galego ao negar profesorado de lingua de signos a un centro, como o Escultor Acuña de Vigo, que é referente dentro do ensino público galego en integración e atención a alumnado con necesidades especiais.
 

O BNG demanda no Parlamento Galego o mantemento de profesorado de lingua de signos no CEIP Escultor Acuña