Imprimir

O BNG demanda que se poña fin ao abandono da ETEA

BNG de Vigo | 11 de Outubro de 2018

  • O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, aposta por facer da antiga ETEA "un grande espazo de esparcemento ao pé da ría para desfrute da veciñanza de Teis e de todas as viguesas e vigueses".

O Bloque Nacionalista Galego realizou esta mañá unha visita ás instalacións da antiga ETEA. Na visita participaron o candidato do Bloque á alcaldía, Xabier P. Igrexas, e o responsábel local da formación nacionalista, Serafín Otero, acompañados por varios membros da xunta directiva da Asociación Veciñal de Teis. 

etea01Durante o percorrido comprobaron o "lamentábel estado de abandono" que presenta con abondosa maleza, socavóns no pavimento e falla de mantemento de instalacións infantís e deportivas. Aliás, comprobaron as deficiencias no acceso da praia da ETEA e o risco que presenta a torre de vixianza que fica inoperativa.

"Estamos nun enclave privilexiado, ao pé da Ría de Vigo, e que debe ser un grande espazo de esparcemento e desfrute público, tanto para a veciñanza de Teis como para o conxunto das viguesas e dos vigueses", defendeu Igrexas ao remate do encontro.

Igrexas cargou contra a inacción da Xunta de Galiza denunciando que "o estado de abandono da ETEA é un exemplo clamoroso da falla de compromiso da Xunta do Partido Popular coa cidade de Vigo". Ademais, criticou tamén a incapacidade dos gobernos municipal e galego para cooperaren en favor da revitalización do enclave. "Vemos como na lea partidista entre Caballero e Feixóo quen perde sempre é a veciñanza de Vigo". O candidato do Bloque urxiu a ambas as dúas administracións a atender de inmediato as reiteradas demandas da Asociación Veciñal de Teis en relación á ETEA.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/goberno-local/bng-demanda-pona-fin-ao-abandono-da-etea/20181011175728003846.html


© 2018 Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Rúa Celso Emilio Ferreiro 3, baixo
36203, Vigo (GALIZA)
Teléfono: +34986447300
Correo: vigo.cidade@bng.gal