Imprimir

O BNG demanda á Xunta un compromiso real co sector naval e a fin da propaganda

BNG de Vigo | 18 de Outubro de 2018

Reunión con responsábeis da executiva comarcal de CIG-Industria
Reunión con responsábeis da executiva comarcal de CIG-Industria
  • O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, e o deputado no Parlamento galego, Luís Bará, mantiveron un encontro con responsábeis da executiva comarcal de CIG-Industria.
  • Propoñen a creación dunha Corporación Industrial Pública Galega para poñer en marcha as “enormes capacidades e potencialidades” do sector.

Esta mañá o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, e mais o deputado no Parlamento galego, Luís Bará, reuníronse con responsábeis da executiva comarcal da federación de Industria da CIG, para abordaren a situación que atravesa o sector naval na nosa cidade.

Durante o encontro, os responsábeis sindicais denunciaron que a situación real do sector nada ten a ver coa "propaganda da patronal". Neste sentido, reiteraron que apenas dous estaleiros teñen carga de traballo na actualidade e por iso rexeitaron as mensaxes "triunfalistas" e "falsas" que se verquen reiteradamente desde a patronal aludindo á hipotética necesidade de 1200 traballadores e traballadoras para a construción naval. CIG-Industria volveu denunciar a total falla de compromiso por parte do Goberno galego para reactivar o sector. 

"É intolerábel que diante dun naval que está en proceso de desertización o único que se ofreza sexa propaganda que fala de novos postos de traballo cando se segue a destruír emprego no sector", denunciou o candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, aludindo aos datos que recollen que no primeiro semestre deste ano destruíronse 600 empregos nos estaleiros de Vigo. "Hoxe un sector que foi punteiro e que chegou a empregar de maneira directa a máis de 10 mil persoas, ten apenas 2 mil operarios e operarias e nunhas condicións de absoluta precariedade", acrecentou. 

Diante desta situación a fronte nacionalista demanda do Goberno galego un "compromiso real" para poñer en marcha "as enormes capacidades e potencialidades produtivas do sector naval". No concreto, demandan que se poñan en marcha mecanismos de intervención pública directa nun sector que cualifican como estratéxico, a través da creación dunha Corporación Industrial Pública Galega, unha medida que consideran estratéxica de cara a impulsar un holding da construción naval en Vigo. Aliás, volveron reivindicar a creación dun Centro de Reparacións Navais na Ría de Vigo que permita estabilizar a actividade e o emprego. 


Formación e mesa do naval

O deputado do Bloque, Luís Bará, comprometeuse pola súa banda a trasladar estas cuestións ao Parlamento de Galiza. Ademais, anunciou que se presentarán varias iniciativas e interpelacións parlamentares, para exixir transparencia en relación aos fondos destinados a programas de formación no sector naval, que segundo denuncia CIG-Industria, non se estarían a executar correctamente. Bará, urxirá tamén o Goberno galego a que impulse a convocatoria inmediata da Mesa do Sector Naval, tal e como demandan sindicatos e patronal. 

Outro dos aspectos que preocupan á fronte nacionalista son as numerosas denuncias de irregularidades na contratación de persoal estranxeiro con quen se estaría a incumprir as condicións laborais fixadas en convenio. "Non se pode permitir que se explote a traballadores e traballadoras, con independencia do lugar onde se proveña, e que a autoridade laboral olle para outra lado", afirmou Igrexas. 
 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/parlamento-galego/bng-demanda-xunta-compromiso-real-co-sector-naval-fin-da-propaganda/20181018190226003854.html


© 2018 Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Rúa Celso Emilio Ferreiro 3, baixo
36203, Vigo (GALIZA)
Teléfono: +34986447300
Correo: vigo.cidade@bng.gal