O BNG esixe que a Xunta actúe diante dos recortes sanitarios ordenados pola dirección de Povisa

FOTO PRADO E IGREXAS POVISA 1
  • O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, denuncia que co concerto especial de Povisa as case 140 mil pacientes adscritas ao centro privado son tratadas como “pacientes de segunda” e responsabiliza o Partido Popular desta situación.
  • A deputada Montse Prado solicitará a comparecencia do conselleiro de  Sanidade no Parlamento de Galiza, así como que se realice unha investigación a fondo polo Sergas e se audite o funcionamento do convenio con Povisa. 
O BNG esixe que a Xunta actúe diante dos recortes sanitarios ordenados pola dirección de Povisa

Perante a denuncia pública da existencia dunha circular remitida pola dirección de Povisa aos seus Xefes de Servizo na que se mandataba literalmente “reducir todas as actuación (consultas, probas, intervencións...) en doentes SERGAS que non lles aporten ningún valor engadido” e, en segundo lugar, “aproveitar esa liberación de recursos para mellorar cada vez máis o tempo de resposta a doentes privados”, o BNG esixiu esta mañá en Vigo que a Xunta de Galiza actúe para evitar que eses recortes se apliquen comprometendo a atención sanitaria das case 140 mil persoas adscritas ao concerto especial do Sergas con ese centro privado.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, e mais a deputada responsábel de Sanidade da formación nacionalista no Parlamento de Galiza, Montse Prado, mantiveron esta mañá un encontro con representantes do Comité de Empresa de Povisa. No encontro ambas as partes partillaron a alarma e enorme preocupación que provocou a citada circular, e volveron constatar as graves deficiencias no funcionamento do centro médico pola falla de persoal onde máis do 50% do seu persoal sanitario ten xornadas parciais por imposición da empresa, comprometendo o bo funcionamento dos servizos e deixando faixas horarias sen apenas persoal. 

Duplo recorte sanitario en Vigo

“Na área sanitaria de Vigo padecemos un duplo recorte sanitario, do que é responsábel por acción e por omisión o Partido Popular. Primeiro, por termos un hospital Álvaro Cunqueiro privatizado, recortado e sen as prestacións sanitarias necesarias. E agora tamén, coa constatacion de algo que desde o BNG levamos moito tempo a denunciar, que é que as pacientes adscritas a Povisa son ‘pacientes de segunda’ que non teñen os mesmos dereitos nin atencións que reciben os pacientes dos centros públicos”, denunciou Igrexas.

“As máis de 136 mil persoas, entre elas moitos millares de viguesas e vigueses, que están adscritas a Povisa merecen a mesma atención sanitaria que o conxunto da sanidade pública”, reclamou. 

Silencio cómplice do PSOE

O portavoz municipal do BNG criticou tamén o “silencio clamoroso do PSOE” nesta cuestión, e especialmente no caso do Goberno municipal e do seu alcalde.

“Vemos como cada vez que falamos dos problemas de Povisa, cada vez que desde o BNG denunciamos este modelo privatizador que desde logo vai en detrimento da atención sanitaria e que xoga coa saúde das viguesas e vigueses, o Partido Popular é o primeiro responsábel pero que ten tamén cómplices como se demostra co silencio do PSOE que sistematicamente decide poñerse de perfil”, reprochou o edil nacionalista.

Iniciativas no Parlamento de Galiza

O BNG entende que o que recolle o comunicado son cuestións moi graves e, por iso, a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, considera necesario que por parte do SERGAS se aclare de inmediato os criterios utilizados por Povisa para determinar o tipo de prestacións e servizos que aplica ás persoas doentes da sanidade pública en base ao convenio xa citado.

Nese sentido, Prado anunciou a solicitude de comparecencia do conselleiro de Sanidade no Parlamento de Galiza, ao que as nacionalistas engadirán a petición dunha investigación do contido deste comunicado e a trasladar ao Parlamento unha información transparente das contas deste hospital privado no relativo ao concerto asinado coa Xunta.

Como explica a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, na batería de medidas presentadas na Cámara, “esta información fai saltar todas as alarmas, toda vez que eses obxectivos fixados pola dirección do centro privado  afectan, ou poden afectar, á cidadanía que ten asignada a súa asistencia sanitaria pública nese hospital”.
Prado considera que o contido do comunicado interno é “preocupante”. Ou ben supón unha substitución dos criterios científicos que debe rexer as consultas, probas ou intervencións sanitarias “para liberar recursos”; ou ben até agora se facían consultas, probas ou intervencións “que non aportaban valor engadido ás persoas que se sometían a elas, co conseguinte incremento do risco de efectos secundarios que isto supón”, alegou.

“En calquera dos dous casos están en cuestión os criterios científicos usados e  pode comprometerse a saúde das persoas atendidas, ao que habería que engadir  o  uso de recursos públicos que tiñan que ir para financiar a atención sanitaria dos e das doentes do SERGAS destinados a incrementar a actividade privada”, argumenta Prado na solicitude de comparecencia do titular de Sanidade.

A deputada nacionalista tamén fai referencia “á opacidade e o escurantismo” habitual en POVISA cando se trata da presentación da súa contabilidade. “Non ofrece información desagregada do gasto que destina a atender a doentes públicos e a privados, utiliza o mesmo persoal para prestar a asistencia sanitaria pública que a privada e descoñécese se as innovacións tecnolóxicas as imputa ao concerto ou corren por parte do hospital”, citou a modo de exemplos desa falta de transparencia.

O BNG esixe que a Xunta actúe diante dos recortes sanitarios ordenados pola dirección de Povisa