O BNG inicia a campaña baixo o lema Agora Vigo para impulsar unha cidade de iguais e para o pobo

WhatsApp Image 2019-05-09 at 17.34.59
O candidato á alcaldía, Xabier P.Igrexas xunto a militantes e integrantes da candidatura

Con medidas en materia de política social, cultural, mobilidade ou emprego e radicalmente feministas e enfocadas á mocidade para facer crecer a unha cidade con “enormes potencialidades”

“Entendemos que é o momento de darlle a Vigo un novo impulso e de rachar co inactivismo asentado no Concello no que non hai a día de hoxe unha oposición real que defenda os intereses das viguesas e os vigueses”, acrecenta o candidato Xabier P.Igrexas

O BNG inicia a campaña baixo o lema Agora Vigo para impulsar unha cidade de iguais e para o pobo

O BNG da o pistoletazo de saída na conta atrás para as vindeiras eleccións municipais do 26 de maio nas que o Bloque quere dar a Vigo un novo impulso. Baixo o lema, Agora Vigo, “un lema tan claro como contundente”, Xabier P. Igrexas, candidato do BNG á alcaldía, perfílase como a mellor opción para facer fronte ao inactivismo destes últimos catro anos do Concello mais tamén para ser unha forza determinante para a cidade e unha voz clara e firme de todas as viguesas e os vigueses.  

Para o candidato da fronte nacionalista, a maioría absoluta do Partido Socialista “sentoulle moi mal a cidade pero tamén se constatou como en catro anos, non houbo ningunha forza política na oposición que se fixera cargo da situación: “Entendemos que é o momento de darlle un novo impulso a Vigo despois de catro anos de goberno absolutista e de falta de alternativas reais de oposición no pleno”, denuncia o candidato.

Para logralo, o BNG conta cun proxecto aberto a seguir recibindo achegas pero no que xa hai redactadas 537 medidas en materia de política social educación, emprego, mobilidade, medidas tamén feministas ou dirixidas á mocidade “para facer de Vigo unha cidade para o pobo, poñendo no centro das políticas municipais os problemas e as necesidades reais das persoas e dos nosos barrios e parroquias”, acrecentou Pérez Igrexas.

Pero “Agora Vigo” non é so unha consigna, é tamén un proxecto sólido que chega despois de meses de traballo no que participaron centos de colectivos, asociacións e particulares coas que se reuniu a fronte nacionalista e que fixeron as súas achegas para que o Bloque volva estar na corporación: “Algo que me chama a atención e que que nos fai traballar en positivo é o sentir que me está trasladando a xente na rúa de que quere que o BNG volva a estar no Concello”, recorda Igrexas.

Para iso, o BNG busca facer de Vigo unha cidade de iguais, de xustiza social, de oportunidades con emprego digno, con dereitos, “unha cidade onde despregando políticas radicalmente feministas avancemos para facer de Vigo un territorio libre de machismos”, acrecenta Xabier P. Igrexas. “Unha cidade que sexa motor de todo un país, sendo referencial para que volva ser o verdadeiro motor industrial de Galiza, a capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións, a capital galega do futuro”.

Agora Vigo

 O candidato á alcaldía acrecenta que o BNG ten as ideas, as propostas, as persoas, a experiencia máis dende logo ese novo impulso en positivo para a cidade do que necesita é do apoio das viguesas e dos vigueses: “Nos tendemos a man a todas esas persoas que con independencia do que pensen do que se ten feito, creen que Vigo merece un cambio, que Vigo merece máis”. E por iso chama a todas as viguesas e os vigueses a apoiar o proxecto de cambio do Bloque Nacionalista Galego: “Temos un proxecto aberto e en positivo con alternativas concretas e poden ter a certeza de que o voto ao BNG o vindeiro 26 de maio vai ser un voto para que as cousas muden fronte a inercia, a falta de impulso o continuísmo máis tamén fronte ao ruído para que Vigo avance”.

O BNG inicia a campaña baixo o lema Agora Vigo para impulsar unha cidade de iguais e para o pobo