Imprimir

O BNG pedirá no Parlamento que a Xunta non autorice o parque eólico na Serra do Galiñeiro

BNG de Vigo | 06 de Outubro de 2018

Xabier P. Igrexas durante a rolda de prensa
Xabier P. Igrexas durante a rolda de prensa
  • O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas cualificou o proxecto de "grave agresión ambiental contra un emblema natural".
  • O deputado Luís Bará demandará tamén no Parlamento a elevación da protección ambiental do Galiñeiro incorporándoo no Parque Natural do Aloia.

O BNG de Vigo urxe o compromiso por preservar os valores pasaxísticos e arqueolóxicos, etnográficos, sociais e ecolóxicos da Serra do Galiñeiro. O candidato do Bloque ás vindeiras eleccións municipais, Xabier P. Igrexas, cualificou o proxecto de instalación dun parque eólico no Galiñeiro de “grave agresión ambiental contra un emblema natural”.

Desde a fronte nacionalista destacan que xa no 2008 a Comunidade de Montes de Vincios esixiu á Xunta de Galiza que o cordal da Serra do Galiñeiro fose incorporado no Parque Natural do Monte Aloia. Nesta liña, o BNG ten demandado, xunto coas institucións públicas das comarcas afectadas, que se eleve o nivel de protección da Serra do Galiñeiro.

Igrexas recordou que “a gran parte dos concellos da bisbarra téñense posicionado a favor de garantir a protección e posta en valor deste territorio, e neste sentido temos que seguir a lamentar a falta de actuación política por parte do Partido Popular na Xunta de Galiza, desouvindo ese clamor social e institucional” durante todos estes anos.

O candidato do BNG en Vigo urxe ao goberno de Feixóo a tomar medidas para “impedir que se instale un parque eólico que suporía un claro atentado ambiental na Serra do Galiñeiro”. Para evitar unha agresión medioambiental de tal calibre, o BNG vén de promover unha iniciativa parlamentar.

Proposición non de Lei

O deputado nacionalista Luís Bará defenderá no Parlamento galego unha iniciativa parlamentar na que se solicita a denegación da autorización do proxecto de execución do parque eólico, a fin de preservar os valores e funcións económicas, ambientais e sociais da Serra do Galiñeiro. É por iso polo que solicitan retomar a tramitación de área protexida para a Serra do galiñeiro e a súa incorporación ao Parque Natural do Aloia.

Desde a formación nacionalista entenden que, de executarse dito proxecto, suporía un impacto ambiental crítico sobre a paisaxe e o patrimonio, sendo totalmente contraditorio co establecido pola lei do patrimonio Cultural de Galiza e polas leis de Conservación da natureza e do patrimonio natural e biodiversidade, así como diversas directivas europeas.

Igrexas agarda que esta iniciativa que defenderá o BNG na cámara galega “conte co apoio do conxunto dos grupos e do conxunto cámara”. Así e todo, “o máis importante é que non fique en palabras e que o goberno galego de Núñez Feixóo se poña mans á obra e antes de máis nada denegue esa autorización administrativa e inicie os traballos para elevar a protección da Serra do Galiñeiro”, apuntou.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/parlamento-galego/bng-pedira-parlamento-xunta-non-autorice-parque-eolico-serra-do-galineiro/20181006001924003837.html


© 2018 Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Rúa Celso Emilio Ferreiro 3, baixo
36203, Vigo (GALIZA)
Teléfono: +34986447300
Correo: vigo.cidade@bng.gal