O BNG pregunta ao Concello de Vigo sobre o operativo especial de bombeiros para o San Xoán e pide coñecer todos os cuadrantes de servizo deste ano

bomber
[Foto: Vigoe.es]
  • O concelleiro Xabier P. Igrexas, dirixirá un escrito á concelleira-delegada de Seguridade, Elena Espinosa, para que informe de cantos efectivos se vai dispor na noite de San Xoán e que explique que labores realizou o servizo preventivo dos bombeiros.
  • O Bloque demanda tamén ter acceso a todos os cuadrantes de servizo dos bombeiros desde o 1 de xaneiro de 2019 até hoxe, para comprobar o número de xornadas nas que se incumpriu o mínimo de 20 efectivos operativos.
O BNG pregunta ao Concello de Vigo sobre o operativo especial de bombeiros para o San Xoán e pide coñecer todos os cuadrantes de servizo deste ano

Vigo, 20 de xuño de 2019.- A poucos días da celebración do San Xoán, o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, anunciou esta mañá publicamente que dirixirá un escrito á nova concelleira-delegada da área de Seguridade, Elena Espinosa, para demandar información sobre o operativo especial de bombeiros que ten previsto o departamento. "O San Xoán é unha das celebracións máis emblemáticas da nosa cidade, e este ano vai ter unhas 25 fogueiras en diferentes puntos da cidade. Queremos que se informe de cal vai ser o operativo especial de bombeiros co que o Concello vai enfrontar os riscos que entraña unha festa onde o lume é o protagonista", explicou Igrexas.

O edil nacionalista tamén requirirá información sobre as labores preventivas que se teñan realizado por parte do Corpo de Bombeiros, toda vez segundo os datos do que dispón o seu servizo de prevención non conta con persoal asignado pola falta de efectivos. "Habitualmente o servizo de prevención dos bombeiros realizaba un traballo moi importante de contacto coas entidades organizadoras das diferentes cacharelas para asegurar as mellores condicións no seu desenvolvemento e garantir o cumprimento do bando municipal. Pola información da que dispomos ese traballo non se tería realizado desta vez por falta de medios", lamentou.

Cuadrantes de servizo

Por outra parte, Igrexas tamén requirirá que se lle facilite o acceso a todos os cuadrantes de servizo do corpo de bombeiros desde o 1 de xaneiro de 2019 até hoxe. "Pedimos os cuadrantes onde figuran que bombeiros traballaron en cada quenda e en cada parque, para comprobar durante cantas xornadas o Concello de Vigo incumpriu o mínimo de 20 efectivos operativos. Un incumprimento que compromete a seguridade tanto dos propios bombeiros como da cidadanía ao limitar a capacidade operativa e a resposta diante de situacións de emerxencia", xustificou. Na súa solicitude tamén piden que se informe de cantas horas traballadas se contabilizan desde o inicio do ano, lembrando que o 2018 rematou con 38 mil horas extraordinarias.

O concelleiro do Bloque defende que os datos contidos nos cuadrantes van demostrar "a inutilidade do decreto de permanencia ditado polo Goberno municipal e que o único que fixo foi aumentar o número horas extraordinarias, poñendo no límite das súas capacidades físicas e mentais aos profesionais do corpo de bombeiros".
 

O BNG pregunta ao Concello de Vigo sobre o operativo especial de bombeiros para o San Xoán e pide coñecer todos os cuadrantes de servizo deste ano