Imprimir

O BNG presenta a súa candidatura municipal en Vigo para “cambiar en positivo o rumbo da cidade”

BNG Vigo | 23 de marzo de 2019

A candidatura ao completo xunto ao candidato Xabier P.Igrexas e a portavoz nacional Ana Pontón
A candidatura ao completo xunto ao candidato Xabier P.Igrexas e a portavoz nacional Ana Pontón

“Queremos que Vigo sexa unha cidade para o pobo, cos problemas da xente no centro, unha cidade de iguais e un motor de cambio para toda Galiza”, remarcou Xabier P.Igrexas, candidato á alcaldía

“Vigo precisa un proxecto que vaia máis alá das luces e dos decorados e que aposte pola calidade das persoas”, dixo Ana Pontón, portavoz nacional

O BNG de Vigo presentou esta maña a candidatura ao completo coa que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais do 26 de maio. Unha lista “con homes e mulleres dispostos a cambiar o rumbo da cidade e darlle a Vigo o impulso que merece cun proxecto feminista, comprometido cos traballadores e traballadoras aberto a escoitar todas as voces e cunha clara representación do que é a cidade”, explicou o candidato á alcaldía, Xabier P. Igrexas. 

A candidatura conta cunha ampla representación dos diversos eidos culturais, sociais, sindicais, feministas ou da defensa dos servizos públicos. “Presentamos unha candidatura representativa do que o Bloque quere construír, con xente dos diferentes movementos sociais do tecido cultural e do traballo, con mulleres bravas e feministas e con mocidade como parte da proposta”, remachou o candidato da fronte nacionalista.

A candidatura conta ademais con “persoas independentes que demostran que o BNG está nun proceso de recuperación de apoio, de portas abertas a todos e todas as que acreditan que Vigo precisa un novo impulso” e para mostra disto, a lista conta con Maica Rivas como número dous, independente  e vinculada ao ensino. “O que temos aquí hoxe é unha equipa capaz, plural e diversa para que o BNG volvamos ser unha forza determinante”, enfatizou Igrexas.  

A lista está fechada por Antolín Alcántara, ex secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Carme Adán, profesora de filosofía e ex deputada e Serafín Otero, responsábel local do BNG. “Persoas que demostran o compromiso do Bloque coas clases populares e que representan a traxectoria histórica do BNG da que nos orgullamos”.

Xabier P. Igrexas acredita que a equipa que encabeza encarna unha proposta para transformar a cidade en positivo. “Coa forza da xente imos facer de Vigo unha cidade para o pobo onde os problemas das persoas sexan o primeiro”, apuntalou, “unha cidade de iguais cun compromiso radicalmente feminista e unha cidade que sexa motor de cambio para Galiza, comprometido cun proxecto de transformación a nivel galego que só o BNG pode liderar”. 

“Fronte ao desgoberno dunha maioría absoluta que lle sentou fatal á cidade, e  fronte ao ruído do permanente e inútil ‘pimpampum’ no que se instalaron outras opcións, o Bloque queremos empurrar unha alternativa con propostas en positivo para resolver os problemas reais das viguesas e os vigueses”.

O BNG: Unha forza determinante

No acto de presentación quixo estar tamén Ana Pontón, portavoz nacional, arroupando un proxecto que cre determinante para Vigo e co que o BNG volverá recuperar o seu papel no Concello. Pontón destacou que o candidato que propón o Bloque para Vigo é “unha persoa nova e capaz cunha equipa que leva anos traballando por un Vigo mellor”. “Vigo precisa un proxecto que vaia máis alá das luces e dos decorados, que aposte pola innovación e por mellorar a calidade da xente. E recordou que a pegada do BNG está aí para ver e segue patente na memoria da xente”, engadiu.

Pontón puxo en valor o momento ascendente da fronte nacionalista. “Estamos vendo que hai unha corrente de simpatía cara a nosa organización e que queremos traducir en apoio electoral”, e recordou que as xerais son tamén unha boa oportunidade para que o rumbo do país cambie e Galiza volva ser escoitada.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/vigo/bng-presenta-sua-candidatura-municipal-vigo-cambiar-positivo-rumbo-da-cidade/20190323183754003979.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Rúa Celso Emilio Ferreiro 3, baixo
36203, Vigo (GALIZA)
Teléfono: 986447300
Correo: vigo.cidade@bng.gal 

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr