Imprimir

O BNG propón que se elabore unha nova ordenanza municipal para regular as terrazas en Vigo

BNG Vigo | 08 de xuño de 2019

[Imaxe: Vigoé]
[Imaxe: Vigoé]
  • O concelleiro electo do BNG, Xabier P. Igrexas, afirma que a actual non se está a cumprir e demanda unha nova regulación que concilie as terrazas “das que desfrutamos todas as viguesas e vigueses” co dereito de paso seguro e cómodo de peóns e a accesibilidade do espazo público. 
  • A fronte nacionalista propón que se constitúa unha Mesa de diálogo entre o novo goberno, o sector hostaleiro, representantes veciñais e técnicos de accesibilidade para elaborar “co máximo consenso e cooperación unha nova norma”.

O BNG reclama que o Goberno municipal que tome posesión a partir do próximo 15 de xuño actúe para garantir que se aplica e se respeita a ordenanza municipal que regula a instalación de espazos de terraza na vía pública. 

“Todos os vigueses e todas as viguesas desfrutamos enormemente da posibilidade de ter espazos hostaleiros en terraza, para desfrutar do espazo público e de estarmos no exterior. Pero hai que conciliar esta cuestión co dereito das persoas a se moveren na cidade, e iso pasa por respeitar o dereito de paso dos e das peóns, mais tamén poñer moita atención na accesibilidade das persoas de mobilidade reducida ou que se teñen que desprazar en cadeira de rodas”, explicou o concelleiro electo do BNG, Xabier P. Igrexas.

O nacionalista denuncia que en moitos casos a ordenanza en vigor non se está a cumprir. “Vemos como proliferan non só un número maior de mesas e de cadeiras que as que están autorizadas polo Concello, senón que asistimos con moita preocupación como esta nova modalidade de feches ‘semipernanentes’ que encapsulan as terrazas ao final acaban por converterse nunha apropiación privada de espazo que é público, porque a rúa é de todos os vigueses e de todas as viguesas”, afirmou. 

Nova ordenanza

Entendendo que a actual ordenanza, en vigor desde 2008, xa non atende a realidade da cidade nin as necesidades do sector e a veciñanza e que hai aspectos non recollidos, como as estufas que se instalan en inverno, o Bloque amósase partidario de que se inicie o proceso de elaboración dunha nova regulación. Para iso, Igrexas propón constituír unha mesa de diálogo con representantes do sector hostaleiro, representantes do movemento veciñal da cidade e técnicos especialistas en accesibilidade. 

Esta mesa tería como obxectivo elaborar de “maneira compartida, con consenso, co máximo diálogo e atendendo a todas as partes” unha nova ordenanza que permita que a veciñanza poida seguir desfrutando con seguridade das terrazas da cidade, pero que permita que o espazo público sexa “diáfano, cómodo e accesíbel, no que poder transitar de maneira segura”. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/goberno-local/bng-propon-elabore-nova-ordenanza-municipal-regular-terrazas-vigo/20190608153004004156.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Rúa Celso Emilio Ferreiro 3, baixo
36203, Vigo (GALIZA)
Teléfono: 986447300
Correo: vigo.cidade@bng.gal 

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr