O BNG trasladará as graves deficiencias na residencia de dependentes do Meixoeiro ao Parlamento galego

crapd 1

A deputada, Alexandra Fernández, e o concelleiro, Xabier P. Igrexas, mantiveron un encontro en Vigo con familiares de persoas usuarias, que denunciaron falla de persoal e eivas organizativas que están a ocasionar perda de calidade de vida das residentes.

O BNG trasladará as graves deficiencias na residencia de dependentes do Meixoeiro ao Parlamento galego

O Bloque Nacionalista Galego dará traslado ao Parlamento galego das graves deficiencias no Centro Residencial a Persoas Dependentes  (CRAPD) do Meixoeiro en Vigo. Segundo as queixas trasladadas polas familias das persoas usuarias, o centro padece unha importante carencia de persoal e non ofrece a asistencia debida.

A deputada no Parlamento galego, Alexandra Fernández, e mais o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, mantiveron a última hora desta tarde unha xuntanza con familiares de residentes. No encontro, puideron constatar as denuncias de que se carece de xeriatras, non se dispón dun equipo de fisioterapia suficiente e que existen casos de desnutrición, o que está a provocar unha perda de calidade de vida e nalgúns casos o agravamento dos cadros de saúde e mesmo a perda de mobilidade autónoma. Aliás, as familias quéixanse do tratamento que reciben por parte do centro, asegurando sentirse maltratadas pola dirección.

“Estremece escoitar por boca das familias como hai persoas residentes que levan practicamente seis meses sen ver a luz do sol, ou que se producen casos de desnutrición nun centro público. Esta situación evidencia os efectos letais que ten a nefasta política sociosanitaria e de atención á dependencia da Xunta do Partido Popular”, expresou Fernández ao remate da xuntanza.

A deputada nacionalista levará esta situación até o Parlamento galego para poñer luz sobre o que está acontecendo no CRAPD e sobre todo para esixir solucións. “Cómpre reforzar o persoal para brindar a atención que as nosas persoas maiores e as súas familias merecen, sobre todo nun contexto tan complexo como o de pandemia”, defendeu.

Falla de reacción

Pola súa banda, Igrexas, denunciou que a Xunta de Galiza non está a reaccionar diante da segunda vaga de contaxios. “A que agarda o Goberno galego para intervir as residencias privadas e reforzar as públicas? Que máis indicadores necesita para entender que non podemos permitir que volva pasar nestes centros o que sucedeu en marzo, onde o 45% das mortes por Covid19 foron de maiores residentes?”, inquiriu.

O BNG trasladará as graves deficiencias na residencia de dependentes do Meixoeiro ao Parlamento galego