O BNG urxe un acordo que desbloquee a posta en marcha do Campus do Mar

bng1
Serafín Otero, Luís Bará, Salustiano Mato, Xosé Manuel Atanes, Montse Prado e Manuel Caride

_O deputado Luís Bará, e a deputada, Montse Prado, mantiveron esta mañá un encontro co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.

_A fronte nacionalista reiterou o seu “apoio decidido” ao Campus do Mar, que xulgan un proxecto “estratéxico” para Vigo e a súa comarca.

_Demandan un acordo claro entre Xunta, Concello de Vigo e Zona Franca, para superar os últimos atrancos que impiden dar luz verde ao proxecto.

O BNG urxe un acordo que desbloquee a posta en marcha do Campus do Mar

VIGO, 9 de novembro de 2016.-  O BNG reiteroulle e á Universidade de Vigo o seu completo apoio ao proxecto do Campus de Mar. Fíxoo durante un encontro co reitor da Universidade, Salustiano Mato, no que participaron os deputados, Luís Bará e Montse Prado, acompañados polo responsábel local do Bloque, Serafín Otero, o responsábel comarcal, Manuel Caride, e o membro do Consello Social da Uvigo, Xosé Manuel Atanes.

A xuntanza tiña por obxecto poñer en común os principais proxectos que ten en marcha a Universidade de Vigo. Salientou, pola súa importancia, o Campus do Mar, que en opinión do BNG é un proxecto de alcance “estratéxico” tanto para a cidade, a comarca e tamén o conxunto de Galiza. “A investigación e o coñecemento son elementos esenciais para o desenvolvemento de Galiza”, afirmou Luís Bará quen apostou nunha “Galiza ambiciosa”.

A respeito do Campus do Mar, Bará valorou que coa información que lle viña de trasladar o reitor, “estamos nun momento crucial para poñer en marcha o proxecto. Hai fondos inda pendentes para poñer en marcha a primeira fase”. Neste senso, o deputado nacionalista comprometeuse a procurar desde a iniciativa política e a acción a nivel parlamentar un acordo que desbloquee o proxecto. “Urxe un acordo claro entre Xunta, Zona Franca e  Concello de Vigo para superar os últimos atrancos e dar luz verde a este proxecto fundamental para Vigo”. A tal fin a fronte nacionalista continuará a manter un contacto permanente co propio reitor.

Veciñanza

Luís Bará expresou tamén a disposición do Bloque a continuar en contacto coa Asociación Veciñal de Teis. “Entendemos que se debe contar coa participación e a complicidade da veciñanza neste proxecto. Hai que recoller as súas demandas de mellora da contorna, e Xunta e Concello teñen que facer esforzos para recuperar os espazos do ETEA que teñen un enorme potencial para o desfrute da veciñanza do barrio e do conxunto da cidade”.

O BNG urxe un acordo que desbloquee a posta en marcha do Campus do Mar