O BNG urxe a ampliación do refuxio da Madroa e que o Concello promova a adopción de animais

madroa
[Foto: Atlántico Diario]
  • O concelleiro Xabier P. Igrexas amosouse moi preocupado pola situación límite que atravesa o refuxio que xa alberga a 200 animais por acima da súa capacidade máxima, e diante do previsíbel aumento de abandonos no verán.
  • A fronte nacionalista propón que ademais de executar as obras de ampliación, xa aprobadas, se poña en marcha un programa municipal de sensibilización contra o abandono e que promova a adopción.
O BNG urxe a ampliación do refuxio da Madroa e que o Concello promova a adopción de animais

 O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas expresou esta mañá a súa “grande preocupación”, pola situación “límite” que está a atravesar o refuxio municipal de animais da Madroa. Igrexas advertiu que a protectora xa alberga 200 animais por acima da súa capacidade máxima. Esta situación impide que se dispoña do necesario módulo de corentena, para animais enfermos e feridos, nin dun espazo habilitado para os cans das chamadas razas perigosas, o que supón un “claro risco a nivel sanitario e de seguridade para os propios animais”. 

Igrexas fíxose eco das denuncias que desde o propio refuxio sinalan que a saturación das súas instalacións é tal que tiveron que ubicar cans e gatos en espazos como a lavandaría ou os vestiarios. O edil nacionalista expresou o seu temor porque esta situación se recrudeza durante o período estival, onde o prevísibel é que se produza un aumento dos abandonos e xa que logo no número de cans e gatos que acoller na Madroa.

Ampliación

Desde a fronte nacionalista urxen o Goberno municipal a executar as obras de ampliación xa aprobadas, sinalando que seguen pendentes tres novos módulos. Mais para alén desa actuación “urxente, de emerxencia”, Igrexas demandou que o Concello actúe na “raíz do problema que é o elevado número de abandono de animais na cidade”. Para iso propoñen que se poña en marcha unha campaña municipal de sensibilización contra o abandono e que se promocione de xeito activo a adopción fronte ao “modelo irracional de compra de animais que os cousifica”. 

O Bloque inscribe estas cuestións nun “necesario cambio de perspectiva en relación aos animais”, na que aposta por unha nova ordenanza municipal de Protección e Benestar Animal, que faga avanzar a cidade no respeito dos dereitos dos animais e que permita que  Vigo se coloque na vangarda neste ámbito.

O BNG urxe a ampliación do refuxio da Madroa e que o Concello promova a adopción de animais