O BNG de Vigo demanda que o Concello destine máis orzamento para “dignificar” o Cheque Social 

cheque

_O Bloque reclama que se cambien ademais as bases de acceso ao cheque para que a axuda chegue a máis familias en situación de emerxencia social

_“A mellor política de humanización de Vigo é atender as necesidades sociais das viguesas e os vigueses, xusto o que non está a facer o actual goberno municipal”, denuncia o candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas.

O BNG de Vigo demanda que o Concello destine máis orzamento para “dignificar” o Cheque Social 

O BNG de Vigo vén de pedir que se aumente a partida orzamentaria destinada ao chamado cheque social que inicio hoxe o período de solicitudes. Desde o Bloque reclaman ao goberno local que aumente o orzamento destinado a esta axuda social que agora está dotado con apenas  1.640.000 euros, cifra para o Bloque, insuficiente. 

Dende a fronte nacionalista recordan que xa presentaron unha emenda aos orzamentos municipais deste ano pedindo precisamente que se aumentase esta partida orzamentaria en 1.100.000 euros adicionais. “É a única maneira de garantir que as axudas que se reciben son dignas para as familias que carecen de recursos en situacións de emerxencia social”, enfatiza o candidato nacionalista á alcaldía, Xabier P.Igrexas. Lembra ademais que o pasado ano foron case 3.000 as viguesas e os vigueses que tiveron que solicitar esta axuda e que “facendo un cálculo rápido, a axuda que recibiron foi ridícula, miserenta e mínima e desde logo non insuficiente para paliar a situación de empobrecemento que atravesan”.

Pero para Igrexas hai outro dato preocupante en torno ao cheque social: “Preto de 1 de cada 3 solicitudes, arredor de 1000 persoas, non recibiron un só euro das axudas o pasado ano porque  quedaron excluídas por superar os ingresos máximos que permiten as bases”, un dato que motiva que o Bloque esixa ademais unha modificación dos requisitos para solicitalo. “Volvemos demandar unha modificación das bases que este 2019 por exemplo obrigan a que familias de tres membros non poidan superar os 750€ mensuais de ingresos, incluíndo nestes 350 euros de custo de aloxamento”. E pon un exemplo: “É evidente que hai que incrementar eses umbrais de ingresos pero tamén o cómputo que se fai no desconto por gastos de aloxamento.”

Menos orzamento que as luces de nadal

Precisamente neste punto quixo insistir o candidato á alcaldía pois recorda que alugar unha vivenda en Vigo non é tarefa doada polos altísimos prezos do mercado: “Non sei Abel Caballero ou a súa equipa onde poden alugar unha vivenda digna para tres persoas por menos de 350€ ao mes nunha cidade que ten o alugueiro máis caro de Galiza e do Estado”, recordou. “Entendemos que é necesario incrementar a partida para garantir unha contía digna das axudas sociais municipais de emerxencia mais sobre todo, cun orzamento de 258 millóns, Vigo non pode estar destinando menos ao cheque social que o que gastou a luces de nadal o pasado ano”, recordou.

“A mellor política de humanización de Vigo é atender as necesidades sociais das viguesas e dos vigueses e iso é precisamente o que non se está a facer por parte do actual goberno municipal”, remachou Igrexas.  

O BNG de Vigo demanda que o Concello destine máis orzamento para “dignificar” o Cheque Social