CORONAVIRUS

O BNG de Vigo demanda un Plan de Protección Social para facer do Concello a “primeira liña de coidados”

Xabier P. Igrexas: “Hai que actuar para que o coronavirus non nos deixe como secuelas máis pobreza e empobrecemento”.  

A fronte nacionalista propón estender indefinidamente os dispositivos de atención á poboación sen teito, unha nova convocatoria ampliada do ‘cheque social’, o aumento das axudas de emerxencia, o reforzo do SAF e máis persoal no servizo de benestar social.  

O BNG de Vigo demanda un Plan de Protección Social para facer do Concello a “primeira liña de coidados”

O Bloque Nacionalista Galego defendeu hoxe no Pleno extraordinario a necesidade de que o Concello de Vigo despregue un Plan de Protección Social. O concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, xustificou esa proposta defendendo que “o Concello tense que converter na primeira liña de coidados e protección do pobo para evitar que as clases populares e traballadoras paguen os custos da crise do coronavirus”. 

Para ese Plan de Protección Social, a fronte nacionalista suxeriu varias medidas concretas. A primeira sería estender, polo tempo que for necesario, os dispositivos extraordinarios habilitados para a atención da poboación sen teito até dispor de dotacións estábeis suficientes e o reforzamento do Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social. 

Para evitar que a crise post-coronavirus se traduza nun aumento da pobreza e o empobrecemento, Igrexas reclamou que se promova unha nova convocatoria extraordinaria do chamado ‘cheque social’ (Programa Municipal de Axudas Extraordinarias a familias contra desafiuzamentos e para subministros e alimentación), modificando os requisitos e criterios para o seu outorgamento para as facer accesíbeis a un maior número de persoas beneficiarias, aumentando as súa dotación económica, e sendo compatíbeis coas axudas percibidas na convocatoria xa resolta. Aliás, reclamou que se siga a aumentar a dotación económica das axudas de emerxencia social, saudando positivamente o compromiso do Goberno municipal de as liberar sen limitación orzamentaria.  

Outra das iniciativas do BNG sería a de aumentar a dotación do Servizo de Axuda no Fogar par a atención das necesidades sociais e, singularmente, da poboación de maior idade.  

Igrexas recoñeceu e agradeceu a “excepcional labor” dos traballadores e traballadoras do servizo de Benestar Social pero demandou que se lles dote de máis persoal e medios para poder atender a complexa situación social que se está a producir na cidade.  

O BNG de Vigo demanda un Plan de Protección Social para facer do Concello a “primeira liña de coidados”