O BNG de Vigo demanda a reactivación do Consello Sectorial de Urbanismo para lograr un PXOM "transparente e participativo"

pleno01

Xabier P. Igrexas critica que o Goberno municipal inda non presentou o borrador do novo PXOM a pesar de ter prometido telo listo antes de que finalizase o pasado ano 2019.

A fronte nacionalista pide que o deseño urbanístico da cidade se elabore fóra "da opacidade dos despachos".

O BNG de Vigo demanda a reactivación do Consello Sectorial de Urbanismo para lograr un PXOM "transparente e participativo"

O Bloque Nacionalista Galego vén de demandar ao Goberno municipal de Vigo a reactivación do Consello Sectorial de Urbanismo coa finalidade de que participe no proceso de elaboración do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal. Trátase dun organismo consultivo no que tiñan representación colectivos sociais e os diferentes axentes que interveñen no ámbito urbanístico, polo que en opinión do concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, pode ser "un espazo óptimo para dotar de maior participación e transparencia" os traballos do novo PXOM.

Igrexas lembra que a concelleira de Urbanismo, María José Caride, anunciou no pleno de outubro de 2019 que antes de que finalizara o pasado ano disporíase dun primeiro borrador do novo planeamento. No entanto, ese documento inda non foi presentado no Consello da Xerencia de Urbanismo, malia ter sido reclamado en reiteradas ocasións polo BNG que chegou a solicitar que se incluíse un punto na orde do día para abordara situación dos traballos obtendo a negativa de Caride. O edil advirte de que a posta en marcha do Instrumento de Ordenación Provisional estabelece uns prazos claros para os diferentes trámites do novo PXOM que no caso de non se cumpriren colocaría toda a cidade de volta no PXOU do 93.

Para a fronte nacionalista é fundamental que a elaboración do novo Plan "saia da escuridade dos despachos e que se poña en común co tecido social, cos axentes implicados co desenvolvemento urbanístico e coa propia veciñanza", entendendo que a participación é o elemento imprescindíbel para lograr o "consenso de cidade" que asegure un PXOM duradeiro. "O plan de 2008 caeu pola falla de consenso, non podemos volver repetir ese erro. O deseño urbanístico da cidade non se pode facer de costas á propia cidade", defende Igrexas, quen aposta por un planeamento que "racionalice o crecemento da cidade rompendo coa especulación e que permita avanzar cara a un Vigo máis vertebrado, mellor dotado e ambientalmente sustentábel".
 

O BNG de Vigo demanda a reactivación do Consello Sectorial de Urbanismo para lograr un PXOM "transparente e participativo"