Imprimir

O BNG de Vigo demanda a retirada da publicidade taurina instalada en diferentes vías públicas da cidade

Bloque Nacionalista Galego de Vigo | 30 de xullo de 2019

O concelleiro Xabier P. Igrexas reclama que o Goberno municipal aplique a ordenanza de publicidade exterior e sancione a empresa responsábel.

A fronte nacionalista enfatiza que “o maltrato e a tortura animal non son ningunha manifestación cultural”.

A aparición de cartelaría anunciando unha feira taurina en diferentes ámbitos da cidade, entre eles o Casco Vello -como por exemplo no antigo quiosque do Paseo de Afonso-, provocou que o BNG de Vigo demandase esta mañá que o Concello aplique a ordenanza municipal de publicidade exterior para evitar que “a tortura animal se anuncie con impunidade na vía pública”.

Así, o demandou o concelleiro Xabier P. Igrexas que anticipou que se dirixirán ao Goberno municipal para que inste á empresa responsábel a retirar inmediatamente a cartelaría e que se lle apliquen as sancións que correspondan. “O maltrato e a tortura animal non son ningunha manifestación cultural. As touradas son unha expresión de brutalidade que non se corresponde cunha sociedade civilizada que cada vez demanda un maior respeito para o benestar animal”, explicou Igrexas.

O voceiro nacionalista puxo en valor que Vigo fose a primeira cidade galega en prohibir a realización de espectáculos con animais no termo municipal. No entanto, chamou a avanzar nesa mesma liña e a evitar que empresas que fan negocio de torturar animais se poidan anunciar nas rúas da cidade incumprindo as ordenanzas municipais.
Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-vigo-demanda-retirada-da-publicidade-taurina-instalada-diferentes-vias-publicas-da-cidade/20190730212212004240.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Rúa Celso Emilio Ferreiro 3, baixo
36203, Vigo (GALIZA)
Teléfono: 986447300
Correo: vigo.cidade@bng.gal 

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr