O BNG de Vigo levará ao pleno municipal a demanda de que Xunta e Goberno do Estado actúen para garantir a continuidade de Barreras e Vulcano

Xabier P Igrexas en rolda de prensa

Xabier P. Igrexas reclama da Xunta “unha intervención pública decidida” en Barreras para asegurar o futuro dun “sector estratéxico”.

A fronte nacionalista esixe a saída de López Veiga da Autoridade Portuaria após se coñecer que mentiu sobre un presunto ditame do Consello de Estado e polo seu “permanente boicot” a Vulcano.

O BNG de Vigo levará ao pleno municipal a demanda de que Xunta e Goberno do Estado actúen para garantir a continuidade de Barreras e Vulcano

O Bloque Nacionalista Galego levará ao Pleno municipal de Vigo, convocado para este mércores, unha moción na que demandan que Xunta de Galiza e Goberno español adopten medidas urxentes para asegurar a continuidade da actividade e do emprego nos estaleiros Barreras e Vulcano, e no conxunto do sector naval.

Na moción demandan que a Xunta promova a través de todos os medios legais ao seu dispor, “a intervención pública directa que permita facerse co control da maioría do accionariado dos estaleiros Barreras e Vulcano e garantir a continuidade da actividade e do emprego en condicións laborais dignas”. “Levamos moitos meses a preguntar porque en Vigo non podemos ter un estaleiro público ou semipúblico como existe noutras rías galegas e noutros ámbitos do Estado”, inquiriu o portavoz municipal nacionalista. Para o Bloque a intervención pública no naval é a única vía para garantir unha “saída de futuro e con estabilidade” que evite novas crises e unha “saída en falso e a moi curto prazo”. 

Do Goberno galego as nacionalistas demandan tamén a posta en marcha do Centro de Reparacións Navais na Ría de Vigo, a convocatoria urxente da Mesa de contratación do Naval e que se aplique a Lei 4/10 de Fomento do Sector Naval de Galiza que, segundo Igrexas, a inacción do Partido Popular converteu en “papel mollado”.

Demisión de López Veiga

Co obxectivo de evitar a desaparición definitiva de Vulcano a moción recolle a petición expresa de que a Autoridade Portuaria de Vigo e  Portos do Estado se comprometan para asegurar o mantemento da actividade naval no estaleiro e que rexeiten a utilización da parcela de dominio público para outros usos. Neste sentido, Igrexas esixiu a inmediata renuncia do presidente da Autoridade Portuaria, Enrique  López Veiga, após se facer público que “mentiu con total descaro” ao asegurar que estaba pendente dun ditame do Consello do Estado sobre a continuidade da concesión de Vulcano.  “A López Veiga xa non lle pedimos que cese no seu claro boicot a Vulcano senón que directamente marche. Que dimita ou que a Xunta de Galiza propoña o seu cese”, reclamou.

Após o compromiso recollido no acordo de investidura entre o PSOE e o BNG no Congreso en favor do sector naval galego, a fronte nacionalista demanda que este se concretice para o que reclaman que se declare “sector económico estratéxico”.

Tamén demandan a creación dunha tarifa eléctrica industrial galega, ou a constitución dun Instituto Galego de Crédito e Financiamento e dunha Corporación Industrial Pública Galega que, ao xeito do ICO e mais a SEPI a nivel estatal, permitan despregar unha “intervención pública decidida en favor da nosa industria” e apuntalar actividades como o sector naval.

O BNG de Vigo levará ao pleno municipal a demanda de que Xunta e Goberno do Estado actúen para garantir a continuidade de Barreras e Vulcano