CORONAVIRUS

O BNG de Vigo pide a convocatoria "extraordinaria e urxente" do Consello Escolar Municipal para enfrontar a irresponsabilidade da Xunta no inicio do curso

rolda

Xabier P. Igrexas: “É claro que non estamos en condicións de iniciar o curso, cando só temos incertezas e inseguridade”

A deputada, Alexandra Fernández, esixiu “máis medios e persoal” para garantir as condicións necesarias para o reinicio da actividade educativa.

O BNG de Vigo pide a convocatoria "extraordinaria e urxente" do Consello Escolar Municipal para enfrontar a irresponsabilidade da Xunta no inicio do curso

rolda02VIGO, 2 de setembro de 2020.-  O Bloque Nacionalista Galego mantivo esta mañá un encontro con FOANPAS, no que tomaron parte o concelleiro, Xabier P. Igrexas, e mais a deputada no Parlamento galego, Alexandra Fernández. Na xuntanza abordaron a situación educativa a poucos días do inicio do curso escolar e puxeron en común a falla de resposta por parte da Xunta de Galiza.

Igrexas trasladoulles aos representantes das ANPAs viguesas o "total apoio" do BNG ás súas reivindicacións. "É claro que non estamos en condicións de iniciar o curso, cando só temos incertezas e inseguridade por culpa da Xunta de Galiza que non foi capaz de adoptar as medidas necesarias", reprochou o portavoz municipal nacionalista.

Por iso, diante da "grave irresponsabilidade" do Goberno galego, o BNG vai demandar a convocatoria "urxente e extraordinaria" do Pleno do Consello Escolar Municipal para articular unha resposta "conxunta, unitaria e en chave de cidade" por parte da comunidade educativa diante desta situación na que "se está poñendo ao límite" as familias.

A deputada, Alexandra Fernández, pola súa banda enfatizou a importancia de que o Goberno galego abra unha interlocución directa coas comunidade educativa. "Parece que para a Xunta o que acabamos de facer hoxe, sentarnos a falar coas ANPAs, debe ser algo revolucionario e estraño", ironizou.

Fernández defendeu ademais que "garantir as mellores condicións de seguridade para o inicio do curso pasa por adoptar medidas pero, sobre todo, por dotar de máis persoal e máis medios os centros, que é o que parece que a Xunta do PP non está disposta a facer".

O BNG de Vigo pide a convocatoria "extraordinaria e urxente" do Consello Escolar Municipal para enfrontar a irresponsabilidade da Xunta no inicio do curso