CORONAVIRUS

O BNG de Vigo solicita a Caballero unha xuntanza urxente de todas as forzas políticas do Pleno sobre a segunda onda do coronavirus

Ese encontro serviría para poñer en común as medidas coas que enfrontar o incremento de casos activos, cando son xa máis de 500 na área sanitaria.

Xabier P. Igrexas: “Non é razoábel que mentres a Xunta de Galiza limita as xuntanzas a dez persoas, sigamos a ver buses cheos até a bandeira”

O BNG de Vigo solicita a Caballero unha xuntanza urxente de todas as forzas políticas do Pleno sobre a segunda onda do coronavirus

Diante da preocupante evolución da segunda onda de contaxios por coronavirus, que na área sanitaria de Vigo vén de superar os 500 casos activos (512 segundo o último reporte, cando sete días antes situábase en 390), o Bloque Nacionalista Galego anunciou esta mañá que solicitarán formalmente ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que convoque unha xuntanza con todas as forzas políticas con presenza no Pleno. Para alén do incremento de casos activos resulta especialmente preocupante o incremento da presión asistencial hospitalaria.

Este encontro serviría, segundo explicou o concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, para poñer en común “ideas, propostas e alternativas” para robustecer a resposta da cidade fronte ao repto sanitario e social que representa a segunda vaga da Covid19. Igrexas lembrou que hai dous meses, o 18 de agosto, o BNG demandou do alcalde a posta en marcha dun Plan de Continxencia Municipal, precisamente para encarar en mellores condicións esta situación, sen obter ningunha resposta.

Transporte urbano

Entre os asuntos a abordar, o portavoz municipal nacionalista destacou a cuestión do aforo do transporte urbano. Un asunto pendente de resolver, despois de que o Goberno municipal non lograse aclarar cal é a limitación. Aliás, o edil nacionalista expresou a súa preocupación diante das informacións recibidas nas últimas horas nas que se lle trasladou que, presuntamente, a empresa afirma contar con autorización municipal para exceder os aforos máximos durante as horas punta.

“Non é razoábel que mentres a Xunta de Galiza limita as xuntanzas a dez persoas, sigamos a ver buses cheos até a bandeira onde non se pode gardar a máis mínima distancia interpersoal nin evitar o contacto entre viaxeiros e viaxeiras”, afirmou. As nacionalistas levan semanas urxindo o reforzo de buses para evitar masificacións e garantir as medidas preventivas.

O BNG urxe a celebración desta xuntanza con todas as forzas políticas do Concello, reiterando a súa disposición a seguir colaborando de maneira construtiva e desde a máxima lealdade institucional co Goberno local.

O BNG de Vigo solicita a Caballero unha xuntanza urxente de todas as forzas políticas do Pleno sobre a segunda onda do coronavirus