Marta Dacosta: “O 25-S empezou a remontada, pero non nos conformamos”

Marta Dacosta valorando os resultados do 25-S en Vigo
Marta Dacosta valorando os resultados do 25-S en Vigo

_O BNG agradece o apoio das máis de 9.200 viguesas.

_“Este é o inicio da remontada, seguiremos na loita nas rúas e no Parlamento defendendo os intrereses de Vigo e Galiza”.

Marta Dacosta: “O 25-S empezou a remontada, pero non nos conformamos”

VIGO, 25 de setembro de 2016.- Nunha comparecencia diante de dirixentes e militancia do BNG na súa sede comarcal, a candidata número 3 por Pontevedra, Marta Dacosta, valorou positivamente os resultados da fronte nacionalista na cidade e na bisbarra de Vigo. “Os resultados confirman que o BNG estamos a recuperar o apoio e confianza de milleiros de persoas”, asegura. Con todo, Dacosta –que compareceu acompañada de Serafín Otero, Olaia Fdez. Davila e Ana Miranda canda outros integrantes da candidatura-- manifestou que no Bloque non se conforman. “Non nos conformamos. Aspirabamos e aspiramos a lograr ind aun maior respaldo popular ao noso proxecto de país, no que necesariamente Vigo, como principal cidade de Galiza, ten que ser decisiva”.

A candidata agradeceu o apoio recibido por parte de máis de 9.200 vigueses e viguesas, que confirma que se iniciou a “remontada do BNG”. “Estamos convencidos e convencidas de que con quince días máis de campaña  lograríamos convencer inda máis persoas”, asegurou. 

Todo en contra

Para a candidata nacionalista o resultado “é froito exclusivo do noso traballo”. Desta maneira recoñeceu tanto a inxente labor desenvolvida polo grupo parlamentar do BNG durante os últimos catro anos, e que singularizou no traballo de Carme Adán, que “se desviviu por defender os intereses da veciñanza de Vigo no Parlamento galego”. Aliás, agradeceu tamén o traballo de militancia e simpatizantes durante a campaña electoral, que cualificou de “espléndida”. Tamén tivo palabras de agradecemento para a Fronte Obreira Galega e o Partido Comunista do Pobo Galego, así como persoas indepentes, que se integraron na candidatura do BNG-Nós.

“Con todo en contra e refutando todos os inquéritos o BNG continuaremos a ser unha forza determinante no Parlamento de Galiza e hoxe podemos asegurar que seguiremos a ser a voz firme en defensa do pobo galego”. Neste sentido, Dacosta acrecentou que “con Luís Bará e Motnse Prado, as viguesas e os vigueses poden ter a seguridade de que no Parlamento haberá unha voz incombustíbel a exixir unha mudanza radical nas políticas coa que se nos agrede”. 

Mala noticia

A terceira maioría absoluta do Partido Popular “é unha mala noticia para Vigo e para Galiza”, sostivo Dacosta. Un resultado no que consideran tamén influíu “a incapacidade doutras forzas para articular unha alternativa ao Partido Popular como temos comprobado nos últimos meses a nivel estatal”. Desde a fronte nacionalista salientaron o feito de que “máis do 60% do electorado de Vigo votou en contra das políticas antisociais e antigalegas de Feijóo”.

Un tempo novo

“Para nós nada acaba hoxe. Hoxe comeza un tempo novo. Non co alcance que desexaramos, mais cun proxecto renovado, cun liderado sólido con Ana Pontón e con máis enerxía e determinación que nunca para seguirmos a loitar desde o Bloque Nacionalista Galego en defensa das clases populares galegas e dos intereses xerais de Galiza”, concluíu Dacosta.

A fronte nacionalista ratificou o seu compromiso de seguir a loitar “na rúa e no Parlamento, para empurrar a mudanza real que Galiza precisa”.

Marta Dacosta: “O 25-S empezou a remontada, pero non nos conformamos”