CORONAVIRUS

Xabier P. Igrexas: “É frívolo e irresponsábel que a preocupación de Caballero sexan as carrozas da cabalgata e non os buses cheos até a bandeira”

Xabier P Igrexas en rolda de prensa

O BNG fai un chamamento á “seriedade e a responsabilidade” e pide ao rexedor que se centre na “moi preocupante” evolución epidemiolóxica da Covid19 que se está a rexistrar na cidade e na área sanitaria.

A fronte nacionalista volve urxir unha xuntanza de todas as forzas políticas do Concello para poñer en marcha un Plan de Continxencia fronte a segunda vaga de contaxios.

Xabier P. Igrexas: “É frívolo e irresponsábel que a preocupación de Caballero sexan as carrozas da cabalgata e non os buses cheos até a bandeira”

 Após rexistrarse un novo record no incremento de contaxios por coronavirus na área sanitaria de Vigo, situándose o número de casos activos en preto de 600, o Bloque Nacionalista Galego definiu como “moi preocupante” a evolución epidemiolóxica alertando do aumento da presión asistencial cun maior número de pacientes hospitalizadas.

O concelleiro do BNG na cidade de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de ”frívolo e irresponsábel que a única preocupación que concentra os esforzos do goberno municipal, e singularmente do alcalde, sexa o nadal”. “Podemos chegar a entender a importancia que o Goberno lle quere dar ao nadal como evento de cidade, inda discrepando de que o futuro de Vigo pase por se converter nun grande parque temático durante varias semanas, pero estas decisións non se poden tomar como se non pasase nada”, explicou.

O portavoz municipal nacionalista entende que o que “debera preocupar a Abel Caballero non é como vai encaixar, si ou si, a cabalgata de Reis, ou como se vai poder visitar a árbore de nadal de altura de record Guinness”, senón que debera “centrarse na evolución da curva de contaxios”. A este repeito, Igrexas considera que o problema non é que a Xunta de Galiza se equivoque, “por mala intención ou por impericia”, na asignación da cor de Vigo no mapa de niveis de alerta, senón que esteamos en 592 casos activos na área cando dez días antes eran 200 menos.

Plan de continxencia

“Facemos un chamamento á seriedade e á responsabilidade”, expresou o edil nacionalista que reiterou a disposición do Bloque a seguir “colaborando en positivo e cooperando coa máxima lealdade co Goberno municipal” para dar unha resposta en chave de cidade a esta segunda vaga de contaxios. “Man tendida, toda. Disposición a colaborar, toda. Cooperación leal, toda. Pero o que ten que facer o alcalde é centrarse no importante”, enfatizou.

Neste sentido, Igrexas volveu reiterar a demanda que lle transmitiu por carta hai 48h ao alcalde sen obter inda resposta, de que convoque a todas as forzas políticas da Corporación municipal a unha xuntanza na que analizar en común a situación e poñer as medidas e alternativas concretas necesarias para despregar coa maior celeridade un Plan de Continxencia Municipal que a fronte nacionalista reclama desde o pasado mes de agosto.

O Bloque advirte de que cómpre actuar con urxencia para evitar que “nos volva pasar o mesmo que en marzo cando nos colleu por sorpresa” porque agora xa sabemos que pode pasar se non se actúa. “É frívolo e irresponsábel que a preocupación de Caballero sexan as carrozas da cabalgata e non os buses cheos até a bandeira que non permiten gardar a máis mínima distancia interpersoal para desprazarse con seguridade”, remachou Igrexas. 

Xabier P. Igrexas: “É frívolo e irresponsábel que a preocupación de Caballero sexan as carrozas da cabalgata e non os buses cheos até a bandeira”