Xabier P. Igrexas: “O Partido Popular non entendeu a mensaxe contundente que Vigo lle enviou o 26M”

20190131_FOTO_RoldaEPA+Vulcano
  • O concelleiro electo do BNG critica que en lugar de rectificar as políticas “antisociais, antigalegas e de abandono de Vigo” que practican desde a Xunta, o PP teña optado por “un cambio de caras” e un “claro retorno ao pasado”. 
Xabier P. Igrexas: “O Partido Popular non entendeu a mensaxe contundente que Vigo lle enviou o 26M”

O BNG amosouse crítico co proceso de recomposición do Partido Popular após o desplome electoral que sufriu na cidade de Vigo o pasado 26 de maio. “Sen ánimo de nos entremeter na vida interna de ningún partido”, o concelleiro electo do Bloque, Xabier P. Igrexas, xulga que o PP non entendeu a mensaxe que as viguesas e os vigueses lle enviaron nas urnas e reduciu a un “cambio de caras” e un “retorno ao pasado” as últimas decisións adoptadas polos populares. Igrexas volveu exixir que o Partido  Popular tome nota do mandato social que lle urxe a “mudar radicalmente as súas políticas antigalegas, antisociais e de abandono de Vigo”.

“O que é evidente para o BNG é que o Partido Popular non entendeu a mensaxe que a cidadanía viguesa lle enviou o pasado 26 de maio, cando oito de cada dez viguesas e vigueses optaron por unha papeleta diferente da do Partido Popular e dos seus parceiros dese tripartito reaccionario, españolista e profundamente antigalego que representan Vox e Ciuadadanos”. Desta maneira, valorou Xabier P. Igrexas o proceso de reconfiguración do PP na cidade olívica. 

Un proceso que para o nacionalista está moi lonxe da rectificación e que se limita a cambios aparenciais. “O PP ten perdido nos últimos mandatos dous de cada tres votos e o que vemos é que a única reacción foi optar por un cambio de caras, mesmo alterando a lista electoral que someteron ao escrutinio das viguesas e os vigueses, e un claro retorno ao pasado que representa o regreso, nada menos, que de Corina Porro á política local”, manifestou o edil electo. 

Rectificación

Desde o Bloque volveron insistir na necesidade dun “cambio de rumbo” nas políticas aplicadas pola Xunta de Galiza. “O que expresou con rotundidade Vigo na urnas o pasado 26 de maio é que o Partido Popular o que ten que facer é rectificar de maneira radical as políticas antisociais, antigalegas e de abandono da principal cidade de Galiza, de abandono de Vigo, que leva practicado nos últimos anos”, resumiu. A fronte nacionalista lamenta que en troca de rectificar algunhas decisións apuntarían a volver teimar nos mesmos erros. “A posibilidade de que a nova presidenta da xestora do PP de Vigo [Corina Porro] poida ser tamén Delegada dese Goberno galego que abandona a cidade de Vigo, é moi sintomático da incomprensión da mensaxe electoral”, remachou Igrexas.

Para o nacionalista “o que ten que facer o Partido Popular é dar un xiro de 180 graos nas políticas que aplican”. Nese sentido, apuntou algúns exemplos concretos que “só requiren de vontade política”  como  garantir que a vila de Bouzas vai ter un centro de saúde ben dotado e non reducido á metade como quere impoñer o PP ou que se atenda, de maneira inmediata, o reclamo do barrio de Navia dun instituto de educación secundaria.  
Mais se hai un ámbito no que existe “un clamor social máis evidente” é, para Igrexas, a política sanitaria. “O PP ten que deixar de recortar na sanidade pública, deixar de xogar coa saúde de todas as viguesas e todos os vigueses, dotando dos medios necesarios o conxunto da Atención Primaria, sobre todo o PAC da nosa cidade, e comezando a reverter a política de privatización que se aplicou con ese nefasto modelo de novo hospital que se impuxo en Vigo”, resumiu. 

Desaloxar a Feixóo

No entanto, o concelleiro electo do Bloque ironizou advertindo de que o feito de que “o PP non tome nota dese mandato social, que se expresou nas urnas, non é unha mala nova porque o que vai é permitir estar en mellores condicións para facer inevitábel o desaloxo de Feixóo da presidencia da Xunta de Galiza nas próximas eleccións autonómicas”. A derrota electoral dos populares nos comicios previstos para outono de 2020 sería, para o nacionalista, “unha das mellores noticias que pode recibir o noso País e a nosa cidade”. 

Xabier P. Igrexas: “O Partido Popular non entendeu a mensaxe contundente que Vigo lle enviou o 26M”