Xabier P. Igrexas: “A prórroga da concesión de Vitrasa só beneficia a empresa e hipoteca a cidade condenándonos a cinco anos máis cun servizo de autobús insuficiente”

rolda concello
rolda concello

O Bloque Nacionalista Galego oponse á decisión adoptada polo Goberno municipal que impedirá acometer a prometida e necesaria remodelación do servizo.

A fronte nacionalista segue a defender o carácter “estratéxico” de apostar pola mellora do transporte colectivo para avanzar cara a unha cidade máis sustentábel.

Xabier P. Igrexas: “A prórroga da concesión de Vitrasa só beneficia a empresa e hipoteca a cidade condenándonos a cinco anos máis cun servizo de autobús insuficiente”

A decisión do Goberno municipal de prorrogar durante cinco anos máis a concesión do transporte urbano de Vigo a Vitrasa é para o Bloque Nacionalista Galego “un absoluto escándalo”. Así o valorou esta mañá o concelleiro nacionalista, Xabier P. Igrexas que criticou que “Abel Caballero durante meses prometeu que ía acometer unha remodelación integral do servizo que agora queda en nada”.

“Con esa prórroga o Goberno de Caballero hipoteca a cidade durante cinco anos condenando a veciñanza de Vigo a seguirmos a padecer un servizo claramente insuficiente”, advirte Igrexas. Para o BNG a prórroga impedirá abordar as importantes deficiencias do servizo o que resumen en “cinco anos máis de escasas frecuencias, cinco anos máis dun mapa de liñas obsoleto, cinco anos máis dun servizo moi mellorábel que non está altura dunha cidade da importancia do tamaño de Vigo”. En troca, a única beneficiada será a empresa concesionaria. “O que fai Caballero con esta decisión é asegurar cinco anos máis de zumentos lucros a unha empresa privada como é Vitrasa e o grupo Avanza”, reprocha o edil nacionalista.

Escusas falsas

Igrexas rexeita de plano que se escuse esta decisión na defensa dos intereses da cidade aludindo os hipotéticos custes dunha indemnización derivada da crise do coronavirus e o que supuxo en termos de redución de servizo.

“Resulta ofensivo que o argumento que se dea como escusa polo goberno municipal sexa a eventual indemnización que tería que afrontar o Concello de Vigo como resultado da redución do servizo por causa do coronavirus. É escandaloso porque onte mesmo o alcalde compareceu na Comisión de Reconstrución no Congreso para reclamar que o Estado transfira aos concellos 1.725 millóns de euros para faceren fronte a este tipo de indemnizacións”, argumentou.

No día mundial do medio ambiente

Para o portavoz municipal nacionalista é  “moi revelador” que este acordo se adopte precisamente no día mundial do medio ambiente. “Se hai un elemento chave na definición da sustentabilidade da cidade, se hai un elemento central para a definición de que modelo de cidade queremos poñer en marcha, se hai un factor que vai definir que Vigo de futuro imos construír é a mobilidade. E nisto xoga un papel fundamental que tipo de transporte urbano, que tipo de servizo de autobús quere impulsar o Concello”, explicou.

Empor iso, desde a fronte nacionalista reiteran que “para revolucionar a cidade, para poñer a cidade en chave de futuro, para modernizala, para avanzar cara a un Vigo máis verde, sustentábel e reconciliado co seu medio natural é estratéxico apostar polo transporte colectivo, e iso pasaba por unha mellora radical do servizo de autobús urbanos,  con mellores frecuencias, cun mapa de liñas que conecte o conxunto da cidade que mellore a conexión dos barrios e parroquias, cun reforzo moi importante no número de autobuses”.

“No día mundial do medio ambiente Abel Caballero dinos que de novo servizo de autobús nada, que de autobús moderno nada, que de sustentabilidade nada, que el ao que está é a asegurar o lucro a unha empresa privada. Escandaloso”, remacha Igrexas.

Xabier P. Igrexas: “A prórroga da concesión de Vitrasa só beneficia a empresa e hipoteca a cidade condenándonos a cinco anos máis cun servizo de autobús insuficiente”