Imprimir

Xabier P. Igrexas: “Queremos facer de Vigo unha cidade de iguais, con políticas radicalmente feministas para converternos nun territorio libre de machismo”

BNG Vigo | 11 de maio de 2019

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, enfatizou o compromiso feminista do seu proxecto de cidade nun acto público realizado no Calvario.

Despregar políticas radicalmente feministas para facer de Vigo unha cidade de iguais e un territorio libre de machismo. Esa foi a proposta que hoxe destacou o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, desde un acto público que realizou esta mañá no Calvario acompañado por boa parte da súa candidatura para o 26M.

calvario01“O feminismo non pode ser declarativo. O feminismo ten que demostrarse con feitos e hoxe vemos como as políticas de igualdade retrocederon como nunca na nosa cidade. Non podemos permitir que o Concello de Vigo siga gastando máis en atencións protocolarias que nas campañas de sensibilización contra as violencias machistas”, defendeu o candidato nacionalista.

O Bloque aposta en incorporar a perspectiva de xénero de maneira “transversal e efectiva” en todas as áreas de actuación municipal. No concreto, a fronte nacionalista propón a posta en marcha de 2 novos Centros de Información ás mulleres, no Calvario e en Coia, así como ampliar e reformular o Centro de Emerxencia para atender “como merecen todas as mulleres vítimas de violencia machista”. Tamén promoverán a dinamización da Casa das Mulleres para convertela “nun motor de igualdade que tinga a cidade de lilá”.

“O Concello ten un enorme potencial para despregar políticas que aposten pola igualdade efectiva e real confrontando o machismo en todas as súas dimensións”. Emporiso, Igrexas defendeu como “imprescindíbel que o BNG regrese con forza ao Concello” para comezar a traballar na promoción da igualdade, na transversalidade das políticas, na promoción no ámbito da vida económica e no emprego, na loita contra a violencia, ou no respecto á diversidade.
 
“O Bloque queremos volver facer que Vigo sexa un referente en políticas de igualdade, como foi no pasado con políticas punteiras en Galiza e no Estado, pero para iso é necesario dotar máis medios e actuacións concretas no ámbito da sensibilización, da educación pero sobre todo, na atención das mulleres”, acrecentou o Igrexas. 

Barrios e parroquias

O candidato nacionalista participará esta tarde, a partir das 19h, nun acto público en Teis, no que trasladará a veciñanza o compromiso do  Bloque con “atender toda a cidade e non só o centro do casco urbano”. Igrexas debullará en Teis algunhas das súas principais propostas en materia de participación social e transporte urbano, coas que se propón volver “revolucionar en positivo a cidade”. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/iniciativas-politicas/xabier-p-igrexas-queremos-facer-vigo-cidade-iguais-politicas-radicalmente-feministas-converternos-nun-territorio-libre-machismo/20190511151603004083.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Rúa Celso Emilio Ferreiro 3, baixo
36203, Vigo (GALIZA)
Teléfono: 986447300
Correo: vigo.cidade@bng.gal 

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr