Imprimir

Xabier P. Igrexas: "A Xunta ten que deixar de expresar desexos e tomar decisións para garantir o futuro de Barreras e a reactivación de Vulcano"

BNG Vigo | 10 de decembro de 2019

  • O concelleiro do BNG cualificou de “mal apaño curtopracista” a solución impulsada por Ritz-Carlton e demandou que a Xunta exerza as súas competencias para asegurar o futuro da actividade e do emprego en Barreras.
  • A fronte nacionalista reclama ao Goberno galego que desautorice a López Veiga e propoña o seu cesamento como presidente da Autoridade Portuaria pola súa actuación “desleal e irresponsábel” con Vulcano.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, participou esta mañá dunha nova concentración ás portas do estaleiro Barreras, convocada pola CIG, para reclamar medidas que garantan o seu futuro. En declaracións aos medios de comunicación o edil volveu reiterar a demanda de que a Xunta de Galiza exerza as súas competencias en materia industrial. "O que lle pedimos ao Goberno galego do PP é que deixe de facer cartas aos reis magos dicindo o que desexa e que interveña para garantir a continuidade da actividade e do emprego", afirmou en resposta ás declaracións dos últimos días do conselleiro de Industria.

Igrexas alertou de que o primeiro estaleiro privado do Estado español "non pode ter futuro cun único barco construíndose". Neste sentido, xulgou como "un mal apaño curtopracista" a presunta solución acadada por iniciativa de Ritz-Carlton, afirmando que lle lembra ao acontecido en Vulcano. "O futuro dun estaleiro que é puntal na construción navla da ría de Vigo como Barreras non pode depender das cuitas intestinas entre o seu accionariado privado. A Xunta ten que deixar de poñerse de perfil e tomar todas as decisións necesarias".

Vulcano

Por outra parte, o portavoz municipal do Bloque criticou a "actuación desleal e irresponsábel" da Autoridade Portuaria en relación á concesión do uso de dominio público do estaleiro Vulcano. "O único interees de López Veiga é desmantelar Vulcano para ampliar a terminal de contadores", denunciou. Emporiso, Igrexas demandou á Xunta que abandone "o seu discurso cínico" e que desautorice de inmediato a López Veiga e propoña o seu cesamento.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/xabier-p-igrexas-xunta-ten-deixar-expresar-desexos-tomar-decisions-garantir-futuro-barreras-reactivacion-vulcano/20191210181605004400.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Rúa Celso Emilio Ferreiro 3, baixo
36203, Vigo (GALIZA)
Teléfono: 986447300
Correo: vigo.cidade@bng.gal 

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr