O BNG defende crear colexios públicos no centro de Vigo e eliminar as barreiras arquitectónicas

O BNG defende crear colexios públicos no centro de Vigo e eliminar as barreiras arquitectónicas

Os candidatos Serafín Otero e Xosé Manuel Atanes e a candidata Vitoria Iglesias mantiveron un encontro con Foanpas no que falaron das principais propostas do BNG – Asembleas Abertas para defender a educación pública fronte aos ataques do PP

 

xuntanza foanpasVigo, 11 de maio de 2015.- “Potenciar ao máximo o ensino público fronte á prioridade que está mostrando a administración galega polo concertado” é o obxectivo prioritario do BNG – Asembleas Abertas en materia educativa, segundo destacou Serafín Otero tras a xuntanza que mantivo coa directiva de Foanpas. Crear centros públicos no centro de Vigo e eliminar as barreiras arquitectónicas nos que xa existen son dúas das principais medidas subliñadas polo candidato nacionalista.

“Defendemos buscar espazo no centro da cidade para que se poda abrir algún centro público, porque hai escaseza total”, destacou Otero, quen en resposta aos medios sinalou que as instalacións do antigo colexio Cluny “serían as máis idóneas”. Segundo lembrou esta é “unha vella reivindicación das organizacións sindicais e do BNG”.

O candidato do Bloque tamén considerou imprescindible a eliminación das barreiras arquitectónicas nos centros educativos públicos da cidade. Destacou que estas barreiras, presentes nos aseos e nas escadas da meirande parte dos centros da cidade supoñen “un auténtico problema para os nenos e nenas con discapacidade”.

Otero subliñou asemade que cómpre facer unha distribución máis equilibrada do alumnado con necesidades educativas especiais, pero tamén unha forte aposta pola conservación e actualización dos equipamentos e as instalacións educativas actuais. Para o BNG este é un aspecto totalmente esquecido polo actual goberno municipal, e cheo de promesas incumpridas durante estes catro últimos anos.

xuntanza foanpas 2

Xestión dos comedores escolares

A realización dun estudo detallado das rutas de autobuses, co obxectivo de evitar tanto as duplicidades nos percorridos como as zonas baleiras, “pero garantindo o servizo a todas as crianzas que o precisen”, foi outra das iniciativas comentadas por Serafín Otero no encontro.

O candidato nacionalista considerou prioritario o aumento das partidas referidas as bolsas de comedores e libros e a respecto da súa xestión salientou que “non pode quedar exclusivamente nas mans de Foanpas”. Defendeu que sexa a administración quen a asuma, pero contando coa aportación que poidan facer as Anpa de cada colexio.

“As administracións teñen a obriga de facilitar o ensino público a toda a poboación, de calidade e con servizos suficientes para completar non só o proceso educativo senón tamén os servizos de comedor e de transporte”, afirmou Vitoria Iglesias.

A candidata 2 do BNG salientou o papel fundamental das Anpa no proceso educativo, pero denunciou que “nestes momentos están comidas pola xestións dos comedores, que terían que ser servizos públicos ofrecidos polas institucións” e negou que sexan “en absoluto” responsabilidade das Anpas”.

“Pensamos que unha cousa é a responsabilidade de colaborar e ofrecer opinión pero en ningún momento é responsabilidade das Anpas a xestión deses servizos”, subliñou, ao tempo que criticou que a administración tente o envío dos nenos e nenas aos centros concertados. Ao seu xuizó esta situación “non é casual”, senón unha “aposta na defensa do ensino privado”, polo que defendeu que “xa é hora de que se pense que a educación é un servizo para toda a cidadanía”.

 

O BNG defende crear colexios públicos no centro de Vigo e eliminar as barreiras arquitectónicas