O BNG reclama á Xunta que execute o seu compromiso de remodelar as pistas de atletismo

O BNG reclama á Xunta que execute o seu compromiso de remodelar as pistas de atletismo

Carme Adán critica a estratexia do PP de non investir en Vigo

A deputada Carme Adán e o concelleiro Xabier Alonso presentaron as iniciativas presentadas polo Bloque no Parlamento galego sobre as pistas de atletismo de Balaídos. Os nacionalistas instaron ao goberno galego a cumprir o compromiso expresado en 2010 polo secretario xeral para o Deporte no que aseguraba o investimento de 3 millóns para remodelar estas instalacións deportivas.

“Pedimos a execución deste compromiso adquirido”, subliñou Carme Adán, quen asegurou que este é “un incumprimento máis de Feijóo voa cidade de Vigo”. Nesta liña criticou a estratexia do PP de non investir en Vigo, tal e como acontece coas pistas de atletismo e a Cidade de Cultura.

A deputada nacionalista recalcou, por outro lado, que non debe ser o Concello o que destine cartos das súas partidas para facer as obras que corresponden a outras administracións, como neste caso á Xunta de Galiza. “Cómpre que o goberno galego se comprometa verdadeiramente co deporte”, afirmou.

Demanda de explicacións

Precisamente nas iniciativas presentadas polo BNG no parlamento galego, ademais de incluir unha proposición non de lei que insta goberno galego a “dar cumprimento de inmediato” ao convenio asinado co Concello, o Bloque tamén pregunta por que o goberno non cumpriu este acordo.

Afondando nesta cuestión, o concelleiro Xabier Alonso lembrou que ese compromiso expresado no seu momento por José Ramón Lete é froito do convenio acadado en febreiro de 2009 co Concello de Vigo polo cal a administración local debería construir o pavillón de Candeán.

“Despois de conseguir ese convenio en beneficio do deporte vigués o Concello cumpriu e o polideportivo de Candeán está aberto”, defendeu o edil nacionalista, quen criticou que desde 2010 Lete “permanece mudo” a respecto desa actuación.

Agradecemento a David Gómez

Segundo explicou Alonso, cómpre distinguir entre o mantemento cotiá das pistas, que na etapa na que o BNG tiña responsabilidade na Concellería de Deportes o Concello acometía constantemente e na actualidade non, e as necesidades máis graves dos atletas.

Precisamente ao fío deste punto o edil do BNG salientou a brillante traxectoria do atleta David Gómez e lle agradeceu que fixera pública a súa denuncia sobre o estado das pistas de Balaídos mediante un vídeo que acadou unha forte repercusión nas redes sociais.

“O problema máis grave das pistas non é o mantemento cotiá, senón a necesidade da súa remodelación integral”, subliñou. Ao respecto fixo referencia a un dos aspectos que incluía o proxecto de remodelación, como é a construción dunha pista cuberta para posibilitar os adestramentos en inverno.

 

O BNG reclama á Xunta que execute o seu compromiso de remodelar as pistas de atletismo