O BNG reclama á Xunta que garanta a protección da serra do Galiñeiro e rexeite a ubicación da mina

O BNG reclama á Xunta que garanta a protección da serra do Galiñeiro e rexeite a ubicación da mina

O Bloque anima a participar o vindeiro domingo na IV Andaina en defensa deste “emblema natural e cultural”

 

A deputada no Parlamento galego, Carme Adán, e o responsable comarcal, Manuel Caride, demandaron ao goberno galego que garanta a protección da serra do Galiñeiro, anulando a autorización dun parque eólico e denegando a posibilidade de realizar catas de prospección mineira.

“Feijóo ten que garantir a protección da serra do Galiñeiro e incorporala ao parque natural do Aloia”, defendeu a deputada nacionalista. “Calquera cidade europea o tería xa garantido, dado o seu valor medioambiental e cultural”, subliñou.

Carme Adán explicou que o BNG presentou diversas iniciativas no Parlamento galego a este respecto. Entre elas figura unha proposición non de lei na que, ademais de pedir a anulación da autorización dun parque eólico, se insta a declarar de utilidade pública esta serra, co obxectivo de “preservar os valores e funcións económicas, ambientais e sociais do monte”.

“Que necesidade temos de colocar un parque eólico na serra do Galiñeiro cando todo o que está facendo o PP vai encamiñado precisamente a destruir o sector eólico?”, comentou a deputada nacionalista.

Postos de traballo

Por outro lado, a proposta do BNG pide rexeitar a posibilidade de realizar catas de prospección mineira entre os concellos de Mos e Porriño á multinacional sudafricana Umbono Capital para determinar o seu potencial en minerais de terras raras (utilizados para fabricar baterías de móbiles ou pantallas de raios X, entre outros).

Segundo manifestou Carme Adán, “en lugar de dar facilidades a empresas estranxeiras, como esta sudafricana ou a canadiense en Corcoesto, Feijóo debería comprometerse coas industria galega, que está a piques de desaparecer”.

Alertou, ademais, do escaso beneficio económico que tería para Galiza a apertura dunha mina a ceo aberto, fronte o seu indiscutible impacto ambiental. “Por unha ducia de postos de traballo podemos perder un espazo natural da relevancia para a comarca de Vigo como é o Galiñeiro”, criticou.

“Se contrapoñemos o número de postos de traballo que se poden crear con este proxecto fronte aos 10.800 empregos directos que se perderon no naval desde que Feijóo é presidente vemos que é unha proposta absurda”, explicou a deputada do BNG.

Calidade de vida

O responsable comarcal do Bloque salientou a importancia natural e cultural deste espazo, que se estende polos concellos de Vigo, Mos, O Porriño e Gondomar. Segundo Manuel Caride, “para manter unha mínima calidade de vida dunha área tan poboada como a comarca de Vigo cómpre manter as áreas naturais”

Explicou que precisamente os concellos nos que se ubica esta serra recollen nos seus ordeamentos urbanísticos os seus valores naturais e patrimoniais, ao cualificar a zona como Solo Rústico de Protección Especial de Espazos Naturais ou categorías de protección similares.

Manuel Caride comentou que as actividades que se desenvolen no monte son multifuncionais e sustentabeis, de carácter forestal e gandeiro, así como de usos deportivos e de lecer. “Estas actividades serían claramente incompatibles coa instalación du parque eólico ou dunha mina a ceo aberto”, advertiu.

O responsable comarcal nacionalista expresou o apoio do BNG á IV Andaina pola Protección da Serra do Galiñeiro, e fixo un chamamento a toda a cidadanía a participar. Sinalou que terá lugar o vindeiro domingo, 21 de abril, con saída dende o parque forestal de Zamáns ás 10.30 horas e chegada ao mesmo punto ás 14 horas.

 

O BNG reclama á Xunta que garanta a protección da serra do Galiñeiro e rexeite a ubicación da mina