Grazas ao Bloque hai posibilidades reais de acometer o saneamento integral da ría de Vigo

Grazas ao Bloque hai posibilidades reais de acometer o saneamento integral da ría de Vigo

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, afirmou hoxe que grazas ao traballo “serio e continuado do Bloque agora hai posibilidades reais de acometer o saneamento integral da ría de Vigo”. A nacionalista insta asemade ás administracións implicadas a que “asuman as súas responsabilidades e fagan todos os esforzos posíbeis para rematar canto antes a depuradora definitiva”.

“Grazas ás xestións do BNG a vindeira semana unha delegación da UE se trasladará á nosa cidade para comprobar as actuacións en materia de saneamento na nosa ría”, afirmou Iolanda Veloso, quen asegurou que o Bloque sempre defendeu o saneamento integral da ría de Vigo e apoiou as demandas sociais que xurdiron nese sentido na nosa cidade, “trasladándoas ás institucións onde estamos presentes”, destaca.

Nesta liña, lembrou que xa en 2010, a eurodeputada nacionalista Ana Miranda recibiu a representantes da Plataforma pola Defensa da Ría para trasladar a petición de saneamento integral da ría viguesa e debatela na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.

“Desde o BNG celebraremos sempre calquera mellora na situación ambiental da ría de Vigo e, xa que logo, consideramos unha boa noticia a mellora na depuración das súas augas coa posta en marcha a finais deste ano da depuradora provisional”, salientou a portavoz nacionalista.

Infraestrutura básica

Porén, Iolanda Veloso valorou negativamente o feito de que en 2013, logo de tantos anos demandándoa, Vigo aínda non conte coa depuradora que precisa. “Trátase dunha necesidade reclamada polo BNG e que non foi atendida polos sucesivos gobernos por incapacidade para chegar a acordos, primeiro entre o goberno do estado e a Xunta e logo entre a Xunta e o concello de Vigo”, explicou ao respecto.

Ao seu xuízo, a “falta de vontade política” e o “desleixo” fronte a unha cuestión fundamental para toda a ría e especialmente para Vigo “fai que a estas alturas aínda non contemos cunha infraestrutura básica para garantir un desenvolvemento sostible e o respecto ambiental dunha zona natural tan valiosa”.

Segundo salientou Iolanda Veloso, é o momento de esixir que as administracións implicadas asuman as súas responsabilidades e fagan todos os esforzos posíbeis para rematar canto antes a depuradora definitiva “evitando máis retrasos e garantindo que todas as obras se realicen con todo o respecto a unha zona sensible”.

Grazas ao Bloque hai posibilidades reais de acometer o saneamento integral da ría de Vigo