Iolanda Veloso aclara que a proposta do BNG sobre Peinador aprobada onte exclúe as axudas municipais

Iolanda Veloso aclara que a proposta do BNG sobre Peinador aprobada onte exclúe as axudas municipais

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, destacou que o plan de Peinador aprobado onte no pleno, presentado como emenda, substitúe a proposta inicial formulada polo alcalde. “Este texto alternativo mantén algúns aspectos, pero rexeita outros, como é ás axudas municipais ás aeroliñas”, aclarou a portavoz nacionalista.

Iolanda Veloso destacou que o documento presentado polo Bloque foi unha emenda aceptada polo alcalde. “Aínda que parece que nos ten afeitos ás confusións, ao non asumir propostas que ten aprobado previamente”, sinalou a responsable do BNG, en referencias ás emendas incluidas nos orzamentos municipais.

A portavoz nacionalista salientou que no texto alternativo presentado polo BNG insiste en que cada administración ten que asumir as súas competencias sobre o aeroporto, xa que se ben a infraestrutura depende de Aena, a coordinación entre os tres aeroportos galegos depende da Xunta de Galiza, “que non está facendo nada”, apuntou.

“O aeroporto da cidade máis grande de Galiza atravesa unha situación terriblemente grave e Aena compra un aeroporto en Londres. Isto é inaceptable”, subliñou a portavoz nacionalista. Neste sentido engadiu que o PP ten que asumir as súas competencias no goberno do Estado e na Xunta. “Veremos se o Partido Popular aposta por Peinador despois de absterse onte. Se non asume as demandas do Concello de Vigo terá que explicar a súa postura”, sinalou.

Igualdade de condicións

Iolanda Veloso salientou que o BNG pide a igualdade de condicións dos tres aeroportos galegos, “o que non quere dicir igual cantidade de cartos, porque a situación é diferente”, aclarou. Pola contra, destacou que “igualdade é tratar aeroportos segundo as súas necesidades, polo que esiximos que Xunta e Deputación asuman as súas responsabilidades”, no tocante á Deputación referidas á promoción turística.

O documento do BNG aprobado onte tamén contempla a implantación e recuperación de rutas. Ao respecto, Iolanda Veloso sinalou que o estudo que acompañaba á declaración do alcalde “parécenos correcto desde o punto de vista técnico, pero non difire do plan presentado polo BNG no Parlamento galego no 2009”.

Outras das novidades que presenta o texto do Bloque refírese ás tarefas que o goberno local pode realizar para impulsar Peinador, como é potenciar o tráfico de mercadorías mediante a planificación e desenvolvemento dun centro loxístico para realizar actividades industriais, de transporte e de distribución comercial.

Asemade, o documento insta ao goberno local a mellorar os enlaces e frecuencias de interconexión directa entre a estación de tren, porto e estación de autobuses con Peinador mediante transporte urbano, así como a promoción e difusión do aeroporto e dos seus accesos na cidade.

Amortización de débeda

Fronte á abstención do PP na votación do plan de Peinador, Iolanda Veloso destacou o voto favorable dos populares á amortización de débeda de 16,5 millóns. Segundo apuntou a responsable nacionalista, “esta decisión ten consecuencias directas para Vigo, xa que son 16,5 millóns que van directamente aos bancos”.

A portavoz municipal do BNG advertiu de que como se produza unha modificación lexislativa que elimine o teito de gastos “xa non teremos estes cartos”, xa que é unha decisión “que non ten volta atrás”. “Isto si foi aprobado por PP e PSOE”, lamentou.

Iolanda Veloso aclara que a proposta do BNG sobre Peinador aprobada onte exclúe as axudas municipais