O BNG demanda desde Bouzas reconciliar a cidade co seu litoral e reitera a súa oposición a novos recheos na Ría

BNG Bouzas 120519_

_O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, comprométese a impulsar que se complete a rexeneración integral da Ría de Vigo exixindo a implicación de Xunta e Goberno español. 
_A fronte nacionalista defende que o desenvolvemento do Porto de Vigo pasa pola posta en marcha da Plisan e a conexión ferroviaria da terminal de Bouzas e ratifica a súa “oposición radical” a novos aterramentos.

O BNG demanda desde Bouzas reconciliar a cidade co seu litoral e reitera a súa oposición a novos recheos na Ría

Desde a vila de Bouzas, onde participou nun reparto na súa feira, o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu a necesidade de reconciliar a cidade co seu litoral e reiterou a súa oposición aos proxectos de novos recheos na Ría de Vigo. “Quero enviar desde Bouzas unha mensaxe alta e clara ao PP e ao PSOE, que semellan estar de acordo neste tema: o tempo dos recheos en Vigo rematou. Non imos tolerar ningunha nova agresión ambiental contra a nosa Ría”, declarou en alusión ao proxecto de ampliación da terminal de Bouzas con novos aterramentos. 

IMG_20190512_170602_312Igrexas defendeu, pola contra, a necesidade de completar a rexeneración integral da Ría de Vigo para o que a fronte nacionalista exixirá o compromiso e apoio económico tanto dos gobernos galego e español. Entre as medidas que incorpora Bloque no seu programa electoral inclúese tamén avanzar na recollida separada de augas pluviais para evitar que a EDAR do Lagares teña que seguir “aliviando” auga sen depurar os días de moita precipitación. Tamén porán en marcha medidas para combater as verteduras de augas contaminadas aos ríos e regatos da cidade e demandarán que a Autoridade Portuaria actúe decididamente nesta cuestión, xa que 9 de cada 10 vertidos de augas contaminadas na faixa costeira de Vigo prodúcense desde a superficie portuaria. 

IMG_20190512_171059O candidato nacionalista defende que “o desenvolvemento do Porto de Vigo e das súas enormes potencialidades ten que pasar pola posta en marcha da Plisan, para que se converta no porto seco da cidade, e tamén por dotar de conexión ferroviaria directa a terminal de Bouzas”. 

Un Vigo verde e sustentábel

Igrexas subliñou que o modelo de cidade que quere impulsar o BNG é un “Vigo verde e sustentábel, que se reconcilie co seu medio natural, a comezar polo seu litoral, entendendo que a Ría de Vigo é un dos elementos máis valiosos do noso patrimonio ambiental”. Neste sentido, enfatizou o compromiso do Bloque por despregar políticas ecolóxicas e implementar tamén a perspectiva ambiental de xeito transversal en toda a actuación municipal. “Vigo ten que desenvolverse deixando de virarlle ás costas á Ría, aos seu montes e ao río Lagares”, remachou. 

O BNG demanda desde Bouzas reconciliar a cidade co seu litoral e reitera a súa oposición a novos recheos na Ría