O BNG propón unha renda social municipal para facer do combate da pobreza e o empobrecemento unha prioridade  

bng politica social  01

_O candidato á alcaldía, Xabier P. Igrexas, comprométese a converter o albergue nun verdadeiro centro de inlusión social con capacidade para evitar que ningunha persoa teña que durmir na rúa por falla de alternativa.
_A fronte nacionalista defende tamén dotar de máis medios os servizos sociais municipais, hoxe colapsados, duplicando o seu persoal, e a posta en marcha dun Parque Municipal de Vivendas Sociais. 

O BNG propón unha renda social municipal para facer do combate da pobreza e o empobrecemento unha prioridade  

O BNG realizou esta mañá un encontro sobre políticas sociais no que participaron representantes de diferentes colectivos sociais da cidade. Nel, o candidato á alcaldía, Xabier P. Igrexas, explicou a proposta de dotar a Vigo dunha “renda social municipal”. “Trátase de volver a pensar e redefinir o actual modelo de axudas, con diferentes convocatorias, deslabazadas e moi burocratizadas, para atender mellor a situación de emerxencia social que padece Vigo, con 61 mil persoas en risco de exclusión social e pobreza”, explicou. Igrexas contrapuxo a súa proposta fronte ao modelo “raquítico e de reparto de miseria que practicou o goberno municipal do PSOE”, lembrando que na convocatoria do cheque social do pasado ano 1 de cada 3 solicitudes ficaron sen ningunha axuda. 

bng politica social 02“Nun momento no que a Risga e outra axudas non garanten a subsistencia material das persoas, por culpa do modelo antisocial que impón o PP desde a Xunta e os recortes aplicados tamén desde Madrid, a renda social municipal quere ser un ingreso complementario con estas outra axudas para avanzar cara a uns ingresos de como mínimo o salario mínimo e con rumo cara a equiparación co índice Arope, que mide a cantidade de recursos que se necesita para vivir con dignidade”, detallou Igrexas. Neste sentido, o candidato nacionalista denunciou que “PP e PSOE practican ao final a mesma política fronte a pobreza e o empobrecemento: moita propaganda pero pouca axuda real” cun modelo que cualificou de “asistencialismo e reparto de miseria”. 

Centro de Inclusión Social

Entre as medidas do programa social do Bloque, Pérez Igrexas subliñou o compromiso das nacionalistas cara a redimensionar o actual albergue municipal para convertelo nun verdadeiro centro de inclusión. “Hoxe en Vigo hai, segundo datos do propio Concello, máis de 600 persoas sen teito pero o albergue ten só 38 camas. Por iso nós dicimos que non poderemos falar dunha cidade humanizada mentras non evitemos que nin unha soa persoa teña que durmir na rúa, nun parque ou nun caixeiro por non ter unha alternativa habitacional digna”, resumiu o aspirante nacionalista.

A proposta de dotar a cidade dun parque municipal de vivenda social, que evite que se produza ningún desafiuzamento sen alternativa e permitir o acceso á vivenda á mocidade e ás clases traballadoras e populares, ou o compromiso en dotar de máis medios os colapsados servizos sociais municipais, duplicando o seu persoal e despregando novos programas, foron outras das medidas debulladas no encontro. 

Igrexas tamén defendeu a necesidade de reverter a privatización da xestións da meirande parte dos servizos e programas sociais do concello. “As políticas para combater a pobreza non poden ser fontes de negocio e lucro para grandes empresas como sucede na actualidade”, remachou. 

O BNG propón unha renda social municipal para facer do combate da pobreza e o empobrecemento unha prioridade