​O BNG denuncia a 'pinza' de PP e PSOE en Vigo para evitar que o Pleno se posicione en contra da creación da universidade privada

caballero-feijoo
  • Ambos grupos vetaron na Xunta de Voceiros a proposta de Declaración Institucional promovida polo Bloque.
  • Xabier P. Igrexas: "O grupo municipal socialista pode pasar a chamarse grupo municipal de Abanca porque está claro que intereses defende".
​O BNG denuncia a 'pinza' de PP e PSOE en Vigo para evitar que o Pleno se posicione en contra da creación da universidade privada

O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar o que cualifican de nova "pinza" entre PP e PSOE para evitar que o vindeiro Pleno puidese aprobar a Declaración Institucional promovida pola formación nacionalista en rexeitamento do proxecto de creación dunha universidade privada en Galiza. Así o demostra que ambos os dous grupos municipais compartisen posición na Xunta de Voceiros en contra dun texto que pretendía fixar "unha posición de cidade en favor da universidade pública" e que si sumou o apoio da Marea de Vigo, segundo explicou o concelleiro do Bloque, Xabier P. Igrexas.

“Vemos como PP e PSOE volven coincidir para defender os intereses de grandes grupos privados. Xa pasou cando se opuxeron a demandar o rescate público de Povisa e agora volven vetar que o Pleno defenda o carácter público do ensino universitario", criticou Igrexas. Aliás, ironizou propoñendo que o grupo municipal socialista pase a chamarse "grupo municipal de Abanca" xa que, segundo Igrexas, "está claro que intereses defende" en alusión a que é esa entidade financeira quen promove a creación da universidade privada cun dos seus campus na cidade.

A fronte nacionalista centrou as súas críticas na posición "cínica" do PSOE, xa que "por un lado din defender o ensino público pero logo na práctica se aliñan co Partido Popular de Feixóo para converter a educación nun negocio" e entendendo que a posición dos populares era a previsíbel. Neste sentido, Igrexas asegurou que "os verdadeiros concelleiros non adscritos en Vigo son os do PSOE" despois de comprobar como o seu secretario xeral a nivel galego rexeitaba publicamente o proxecto privatizador ao que no Concello queren dar cobertura.​

​O BNG denuncia a 'pinza' de PP e PSOE en Vigo para evitar que o Pleno se posicione en contra da creación da universidade privada