O Bloque acada o respaldo do pleno para demandar información sobre o patrimonio da Fundación NCG

O Bloque acada o respaldo do pleno para demandar información sobre o patrimonio da Fundación NCG

A moción presentada no pleno polo BNG para demandar á Fundación Novacaixagalicia información sobre o seu patrimonio e postos de traballo na cidade acadaou o respaldo do pleno ao ser aprobada por unanimidade. Na defensa da proposta, a portavoz municipal nacionalista, Iolanda Veloso, tamén instou ao alcalde a constituír unha fronte común de defensa deste patrimonio e que este revirta na cidadanía.

Tendo en conta precisamente que o patrimonio desta entidade foi “adquirido e desenvolvido cos cartos da cidadanía viguesa”, Iolanda Veloso expresou o rexeitamento a unha emenda do PP na que instaba á participación activa do Concello de Vigo. “Queremos que todo o patrimonio da Fundación siga sendo da cidadanía, pero non queremos que os vigueses volvan a pagar por iso”, destacou.

A portavoz municipal do BNG afirmou que os bens da Fundación -que na cidade inclúen edificios, fincas, centros de ensino e patrimonio artístico- son de toda a cidade “e non queremos que o Concello de Vigo teña que dedicarlles máis recursos”, engadíu, facendo referencia á Finca de San Roque, o Colexio Fogar e o Centro Cultural.

Plan a medio prazo

Iolanda Veloso explicou que actualmente a Fundación non conta coa participación en Novagalicia Banco, despois da decisión do FROB de excluíla do accionariado do banco. Tamén apuntou que, ademais dos problemas de financiamento, os estatutos da nova fundación e o seu padroado seguen sen se constituir, o que provoca serias inquedanzas sobre o mantemento da actividade e dos postos de traballo.

Nesta liña, a nacionalista fíxose eco das denuncias e reclamacións por parte dos traballadores e traballadoras da fundación e lembrou o acordo dos grupos politicos no Parlamento galego “para elaborar un plan a medio e longo prazo que garanta a obra social da Fundación”, apuntou.

“O BNG defende que ademais da acción no Parlamento de Galiza, e dada a importancia da obra social, comecemos a mobilización para demandar información detallada sobre propiedades, actividades e postos de traballo”, explicou Veloso. “Ninguén mellor que o alcalde de Vigo para defender ese patrimonio e pedir esa información”, engadíu.

 

O Bloque acada o respaldo do pleno para demandar información sobre o patrimonio da Fundación NCG