O Bloque defende que o patrimonio da obra social da Fundación Novacaixagalicia revirta na cidadanía

O Bloque defende que o patrimonio da obra social da Fundación Novacaixagalicia revirta na cidadanía

A voceira municipal do BNG, Iolanda Veloso, trasladou este mércores a súa preocupación pola situacion da Fundación Novacaixagalicia e o seu futuro. Manifestou que “este é o momento de que na nosa cidade establezamos unha fronte común na defensa dun patrimonio adquirido cos aforros dos vigueses e viguesas. O concello de Vigo debe manter unha posición firme e clara na defensa dese patrimonio”.

Para a nacionalista, e logo das denuncias e reclamacións por parte dos traballadores e traballadoras da fundación e do acordo dos grupos políticos no parlamento galego para elaborar un plan que garanta o obra social a longo prazo, é preciso saber en que situación se topa todo ese patrimonio. Para iso o BNG insta ao alcalde a demandar da fundación información detallada das súas actividades, propiedades e postos de traballo na nosa cidade e as accións previstas a curto e medio prazo, e a dar traslado desa información aos grupos municipais

Iolanda Veloso lembrou que a Fundación Novacaixagalicia integra edificios, fincas, centros de ensino e patrimonio artístico de enorme importancia para a nosa cidade, como poden ser o Centro Cultural García Barbón, o Colexio Hogar, ou a finca de San Roque, e que ademais desenvolve actividades culturais, educativas, sociais e deportivas, que forman parte dos recursos da cidadanía.

Na moción que o BNG levará ao vindeiro pleno da corporación exponse que actualmente a fundación non conta coa participación en NCG, e que ademais dos problemas de financiamento, os estatutos da nova fundación e o seu padroado seguen sen se constituír, o que provoca serias inquedanzas sobre o mantemento da actividade e dos postos de traballo

Segundo manifestou a nacionalista, “neste momento non sabemos de onde sairá o financiamento para garantir que a fundación siga adiante, nin cal vai ser o seu futuro. Temos que anticiparnos se non queremos toparnos dentro de pouco co peche da fundación e sen saber que será dese patrimonio feito cos cartos da cidadanía, e mesmo pagado unha segunda vez polos vigueses e viguesas co rescate bancario”.

O Bloque defende que o patrimonio da obra social da Fundación Novacaixagalicia revirta na cidadanía