O BNG critica que o alcalde presuma de transparencia mentres non dá información da “operación Patos"

O BNG critica que o alcalde presuma de transparencia mentres non dá información da “operación Patos"

Iolanda Veloso defende distinguir entre o proceso xudicial en marcha e a responsabilidade política á hora de ofrecer explicacións

 

Vigo, 27 de febreiro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, criticou que o alcalde siga sen ofrecer explicacións sobre as investigacións da “operación Patos” que afectan ao Concello de Vigo mentres habitualmente presume de transparencia. “O seu mutismo é algo que seguimos sen entender”, manifestou en resposta ás preguntas dos medios.

Segundo destacou a voceira do Bloque, cómpre diferenciar “entre o proceso xudicial, no que hai investigacións xudiciais en marcha, e que nós respectamos, ao igual que o secreto de sumario e a presunción de inocencia, da responsabilidade política”. Pregunta pola posibilidade de pedir a apertura dunha comisión de investigación sobre os diferentes contratos, manifestou que se hai contratos que xa están sendo investigados pola xustiza o que hai é “esperar a que se resolva canto antes”.

“Pero a nós nos preocupa a responsabilidade política do alcalde que presume de transparencia pero se nega a facilitar información á cidadanía”, subliñou. Ao respecto lembrou que o BNG solicitou información sobre esta operación o pasado xoves, na xunta de voceiros de preparación do pleno do luns e que o representante socialista, López Font se comprometeu a trasladarlla ao alcalde.

Tamén recordou que ao non ter ningunha resposta, o Bloque demandou a información por escrito no pleno do pasado luns. Explicou que no documento presentado por rexistro o Bloque reclamaba información polos expedientes ou actuacións que foron requiridos por parte da policía, así como pola información que poida ser de interese para os membros da corporación e para a cidadanía.

 

O BNG critica que o alcalde presuma de transparencia mentres non dá información da “operación Patos"