O BNG da comarca de Vigo pide que a Xunta actúe para resolver as deficiencias na teledocencia universitaria e que suprima as taxas

A fronte nacionalista considera que a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria debe garantir un trato xusto e igualitario do estudantado para a finalización do curso académico na UVigo

Denuncian os problemas que están a enfrontar estudantes, profesorado e PAS neste contexto por non dispoñeren das ferramentas e medios axeitados. 

Lembran que o Bloque xa demandou o pasado mes de marzo a finalización do curso universitario tal e como demanda a comunidade educativa. 

O BNG da comarca de Vigo pide que a Xunta actúe para resolver as deficiencias na teledocencia universitaria e que suprima as taxas

Fronte o discurso triunfalista arredor da boa adaptación das universidades, incluída a UVigo, á docencia virtual a distancia (online), o Bloque Nacionalista Galego da comarca de Vigo vén de advertir das deficiencias que se están a producir e advirten das consecuencias da improvisación. Neste sentido, a formación nacionalista apunta que os cursos universitarios presenciais non foron concibidos para ser en liña nin seguen unha metodoloxía axeitada para a teledocencia, polo que carecen dunha calidade suficiente.

“En todo este tempo non se consultou nada coa comunidade universitaria nin co estudantado nin tampouco co profesorado– a respecto de, por exemplo, se era máis conveniente continuar co curso ou dalo por rematado con data 13 de marzo, tal e como se reclamou por parte do BNG no Parlamento Galego a nosa Portavoz Nacional, Ana Pontón”, denuncian.

Deficiencias e falla de medios

A realidade é que a fenda dixital estaría a ser enorme, tanto no alumnado coma no propio profesorado (esta cuestión afecta tamén ao PAS que debe teletraballar). “Hai alumnado que non ten wifi na casa ou que ten unha conexión moi deficiente. Unha mala conexión supón dificultades, ás veces insalvábeis, para a teledocencia, para subir ou descargar materiais audiovisuais ou de texto e, por suposto, para realizar exames”, explican desde a fronte nacionalista.

A fenda dixital inclúe tamén a carencia de equipos propios de traballo, como o caso de fogares nos que hai un único ordenador para varias persoas da familia, ou nos que non hai ningún ordenador.             Neste sentido alertan de que hai alumnado que está tendo que utilizar o seu móbil como ferramenta de traballo e qye carece dun espazo axeitado de traballo na súa casa, precisamente nun momento en que non pode facer uso das bibliotecas e salas de estudo das universidades.

Froito disto estase producindo, segundo constatou o Bloque en contacto cos diferentes sectores afectados, unha enorme sobrecarga de traballo tanto para o profesorado como para o alumnado, que ten que xestionar moitas tarefas para diferentes materias. Engádese a incertidume sobre o sistema de avaliación, estando por ver aínda como se van desenvolver as probas para a avaliación telemática. “Toda esta situación está a provocar  un aumento de casos de ansiedade e depresión que dificultan ou mesmo imposibilitan seguir o curso”, advirten.

Impacto económico

Desde o BNG chaman a ter en conta tamén o impacto económico que vai ter todo isto para o alumnado pois a eventual repetición de materias implicará unhas taxas moito máis altas na segunda matrícula e sucesivas  e mesmo pode supor a perda da bolsa de estudos.

Diante desta situación,as nacionalistas esixen que a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria “deixe de ollar a outro lado e garanta un trato xusto e igualitario do estudantado da Uvigo”. No concreto, demandan unha maior coordinación coa representación da comunidade educativa da Uvigo, para adoptar as medidas necesarias para resolver as graves deficiencias detectadas, e a supresión das taxas universitarias para evitar que esta situación supoña un prexuízo económico para o estudantado e as súas familias. 

 

O BNG da comarca de Vigo pide que a Xunta actúe para resolver as deficiencias na teledocencia universitaria e que suprima as taxas