O BNG demanda a creación dunha Unidade Especializada en Desordes Alimentarias en Vigo

navia01

A deputada, Alexandra Fernández, rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento galego para dotar á área de Vigo dunha unidade da que arestora só dispón Compostela e que o Partido Popular prometeu abrir en 2015.

 

O portavoz municipal do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, responsabiliza ao PP da falla de medios no hospital Álvaro Cunqueiro para a adecuada atención de desordes alimentarias pola imposición dun modelo "privatizador e recortado".

O BNG demanda a creación dunha Unidade Especializada en Desordes Alimentarias en Vigo

 O Bloque Nacionalista Galego vén de formular unha batería de iniciativas no Parlamento galego para urxir a posta en marcha dunha Unidade Especializada en Desordes Alimentarias na cidade de Vigo, para permitir a abordaxe integral destas doenzas e ofrecer unha atención sanitaria efectiva ás persoas que as padecen

Unha demanda que se reitera após darse a coñecer o caso dunha menor, cun cadro de anorexia nerviosa, no que a súa familia denunciou a desatención da que foi obxecto, con citas que demoraron durante meses e a falla dunha atención especializada neste tipo de trastorno.

A deputada do BNG, Alexandra Fernández, denuncia a falla de unidades especializadas en desordes alimentarios, dado que en Galiza só existe unha instalada en Compostela e cunha capacidade máxima de 8 pacientes, o que provoca que moitas persoas fiquen excluídas desta atención integral. "Neste tipo de trastornos é chave que reciban unha abordaxe terapéutica temprana, de forma continuada e que conte cun equipo multidisciplinar de profesionais de psiquiatría, endocrinoloxía, psicoloxía ou enfermería coa que si contarían nunha Unidades Especializadas en Desordes Alimentarias. Non pode ser que haxa pacientes que queden excluídas de acceder a un tratamento que  é sumamente importante para unha evolución favorable do trastorno", argumenta Fernández.

A fronte nacionalista rexistrou xa diferentes iniciativas a nivel parlamentar para urxir a Xunta de Galiza a creación dunha unidade especializada en Vigo que dispoña, como mínimo, de  área de consulta externa, área de hospitalización aguda, área de hospitalización prolongada e área de hospital de día, así como do persoal suficiente que asegure aos pacientes un tratamento intensivo e continuado por parte dun equipo multidisciplinar.

Fernández lembra que en 2015 o PPdG anunciaba a creación dunha Unidade de Desordes Alimentarias no Hospital Álvaro Cunqueiro. "Seis anos despois a proposta segue gardada nun caixón, a pesar de que supuña un recoñecemento de que a situación actual é insuficiente e insostible. Unha situación que non pode seguir demorando e máis aínda se temos en conta as alertas que están lanzando distintos especialistas sobre o aumento de casos que se está detectando por mor da pandemia", remacha Fernández.

Graves insuficiencias

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, alertou de que a situación denunciada deixa en evidencia "as graves insuficiencias" que padece a atención sanitaria na área de Vigo.

Igrexas cargou con dureza contra o Partido Popular a quen responsabilizou da falla de medios no hospital Álvaro Cunqueiro para a adecuada atención de desordes alimentarias pola imposición dun modelo "privatizador e recortado". "No mesmo hospital Álvaro Cunqueiro que, cunha campaña bochornosa de propaganda, o PP quere facer medalla de ouro da cidade, e que o seu portavoz, Alfonso Marnotes, se atreve a cualificar como 'un dos mellores hospitais do Estado' o único que lle ofreceron a unha menor con anorexia nerviosa foron citas con meses e meses de atraso en psiquiatría e endocrinoloxía, pero sen ningún tipo de atención especializada", reprochou.

Aliás, o edil nacionalista, afeou que "a Xunta do PP só reaccionou cando a familia se veu empurrada pola desesperación a denunciar esta situación publicamente e a única alternativa que lle deron foi trasladala a 100 quilómetros [a Santiago] Este é o modelo sanitario que o PP quere premiar coa medalla da cidade e que padecemos preto de 600 mil persoas da área sanitaria de Vigo"

O BNG demanda a creación dunha Unidade Especializada en Desordes Alimentarias en Vigo