O BNG demanda financiación da UE para o Campus do Mar da Universidade de Vigo

O BNG demanda financiación da UE para o Campus do Mar da Universidade de Vigo

O Parlamento Europeo abriu onte unha exposición explicativa do proxecto de investigación mariña Campus do Mar liderado pola Universidade de Vigo, e no que participan todas as universidades galegas xunto co CSIC e o Instituto Español de Oceanografía. A exposición, promovida pola eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, foi presentada polo Reitor da UVI, Salustiano Mato, e polo director xeral de Agricultura da Comisión Europea e doutor honoris causa pola Universidade de Vigo, José Silva.

No acto de inauguración, Miranda salientou a importancia de que o Campus do Mar conte con fondos do Programa Horizonte 2020, que recolle o orzamento da Unión Europea para I+D+i para o período 2014-2020, cunha dotación de 70.000 millóns de euros.

"A crise económica está a impor recortes nas Políticas públicas de Educación e de investigación. Un camiño equivocado porque en momentos coma este é aínda máis importante facer unha aposta decidida polo coñecemento científico, pola formación e polo valor engadido que aporta a investigación das nosas universidades, como elemento dinamizador e creador de emprego", salientou Miranda.

A eurodeputada do BNG fixo referencia á "estreita vinculación" do Campus do Mar coa actividade pesqueira e mariña, "esencial para Vigo e para o conxunto de Galiza", facendo fincapé en que o Campus do Mar "non só aporta oportunidades de negocio, non só ofrece crecemento económico e emprego, senón que tamén contribúe a mellorar a vida dos cidadáns".

Excelencia de investigación

O Campus do Mar está liderado pola Universidade de Vigo e conta co apoio de todas as universidades galegas. Nel participan 4.000 científicos e ten desenvolvido 6.400 proxectos de investigación e contratos en I+D por valor de 274 millóns de euros.

Unhas cifras que, segundo Miranda, "falan con elocuencia" da importancia desta iniciativa europea, que aposta pola excelencia na investigación e pola transferencia de coñecemento aos sectores produtivos.

Na súa intervención, o Reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, definiu o Campus do Mar "como un éxito de todos, un proxecto colectivo en clave de país", que ten contribuído a convertir a UVI "nunha das principais universidades públicas do Estado español e a súa incorporación ás listas das mellores universidades do mundo".

Mato salientou que a Universidade de Vigo obtivo o selo de "excelencia internacional" precisamente co proxecto Campus do Mar, "que ten sentado as bases para construír unha agrupación sólida con vocación de ser un referente internacional na investigación mariña".

O acto de presentación pechouse cun breve concerto do grupo galego Marful, que interpretou tres temas relacionados co mundo do mar, en consonancia co título da exposición Campus do Mar: Construíndo o futuro a través dos océanos, auspiciada polo BNG no Europarlamento.

O BNG demanda financiación da UE para o Campus do Mar da Universidade de Vigo