O BNG denuncia en Vigo a falla de apoio de Concello e Xunta ao pequeno e mediano comercio

torrecedeira01

A deputada e portavoz de Comercio no Parlamento Galego, Carmela González, anunciou que no inicio de curso político o  BNG volverá esixir “un compromiso real, con medidas concretas e recursos, da Xunta co pequeno e mediano comercio”.

O portavoz municipal do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou que o Goberno local siga sen atender as demandas do sector e volveu a urxir a posta en marcha dunha Estratexia Local de Promoción Económica e do Emprego que evite que sigan fechando negocios na cidade.

O BNG denuncia en Vigo a falla de apoio de Concello e Xunta ao pequeno e mediano comercio

O Bloque Nacionalista Galego denunciou esta mañá na cidade de Vigo a falla de apoio tanto do Concello como da Xunta de Galiza ao pequeno e mediano comercio. Así o expresaron a deputada e portavoz de comercio no Parlamento galego, a viguesa Carmela González, e mais o portavoz municipal nacionalista na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, ao remate dun encontro decorrido esta mañá coa directiva da Asociación de Comerciantes de Torrecedeira, Camelias e Pi i Margall.

torrecedeira02Carmela González recolleu as necesidades do sector e trasladoulles o compromiso do BNG de esixir no inicio do novo curso político “un compromiso real, con medidas concreta e recursos, da Xunta co pequeno e mediano comercio”. A deputada nacionalista denunciou que “para alén de anuncios e propaganda, o sector segue a precisar de axudas de verdade”,

Nese sentido, lembrou que o BNG leva meses a reclamar unha actuación decidida por parte do Goberno galego en auxilio dun sector económico da máxima importancia, con medidas como axudas directas para persoas autónomas, reverter a liberalización do sector no que atinxe a descontos e rebaixas e horarios comerciais, e aplicar unha moratoria na apertura de novas grandes áreas comerciais. “O pequeno e mediano comercio é vital para a economía do noso País e non pode seguir a ser ignorado e desatendido pola Xunta”, enfatizou.

Falla de apoio municipal

A nivel municipal, o concelleiro da fronte nacionalista, Xabier P. Igrexas, criticou que nesta altura o Goberno local continúe sen atender as demandas e reivindicacións que de maneira insistente lle teñen trasladado as diferentes asociacións de comerciantes. “O comercio de Vigo leva meses a emitir un SOS, porque ademais dos moitos negocios que xa botaron o feche hai inda moitos mais que viven baixo a ameaza de non poder volver erguer a persiana. É intolerábel que a única resposta do Concello de Vigo sexan boas palabras. O comercio de Vigo necesita solucións, non que lle pasen a man polo lombo”, explicou, lembrando que a única medida adoptada polo Concello até o momento foi gastar 300 mil euros nunha oficina para asesorar o sector das axudas que ofrecen outras administracións.

A este respeito, Igrexas lamentou que o Goberno municipal leve desde o pasado 15 de abril sen tomar en consideración a proposta do BNG de poñer en marcha na cidade una Estratexia Local de Promoción Económica e do Emprego, que permita blindar o tecido comercial “que crea riqueza e emprego estábel, que vertebra a cidade e que dinamiza os nosos barrios e parroquias”. Entre as medidas que promoven inclúen axudas directas aos establecementos, a creación dunha liña de microcréditos municipais sen xuros e unha rebaixa fiscal nos impostos e taxas municipais. Aliás, demandan que se convoque con urxencia a Mesa Local do Comercio para que o Goberno escoite a todo o sector e acorde com el as medidas a adoptar para promover o consumo no comercio local.

Luces de nadal

Igrexas tamén quixo valorar a decisión de iniciar a 19 de agosto a instalación do alumeado de nadal na cidade, afirmando que “nun contexto tan duro, cos graves efectos que estamos a vivir a nivel económico, laboral e comercial, non parece que o mais sensato e responsábel sexa dedicarse a inaugurar o nadal en pleno verán”.

O edil nacionalista criticou que non se teña concertado a día de hoxe o Plan de Recuperación prometido polo alcalde. “O único que temos é a promesa de 1000 millóns de euros, que parece un anuncio da lotaría de nadal, pero sen ningunha concreción de onde van saír eses cartos e o que é mais importante, a que quere destinalos o Goberno municipal”, reprochou.

“O problema real é que se non se toman decisións urxentes e non se poñen medidas e recursos, se cadra as luces de nadal o que van alumear son moitos comercios pechados e moitos empregos destruídos”, advertiu.

O BNG denuncia en Vigo a falla de apoio de Concello e Xunta ao pequeno e mediano comercio