O BNG lanza unha recollida de sinaturas na Rede contra a incautación dos remanentes do Concello de Vigo

MONTERO CABALLERO

A fronte nacionalista oponse á intención do Goberno español de facerse cos aforros da cidade e demandan poder dispoñer deles para enfrontar as necesidades sociais derivadas da crise da Covid19. 

Xabier P. Igrexas: “Perante o intento de Facenda de se apropiar dos recursos de Vigo e da renuncia de Caballero de defender os intereses da cidade, a veciñanza ten que mobilizarse e esixir o que é de xustiza”. 

O BNG lanza unha recollida de sinaturas na Rede contra a incautación dos remanentes do Concello de Vigo

ASINA AQUÍ: www.change.org/remanentesvigo  

O Bloque Nacionalista Galego vén de lanzar unha campaña nas redes para opoñerse ao intento de incautación por parte do ministerio de Facenda dos remanentes e excedentes orzamentarios do Concello de Vigo. A fronte nacionalista inicia unha recollida de sinaturas, a través da plataforma dixital Change.org, para reclamar que o Concello poida dispoñer libremente do cento por cento dos seus aforros, cifrados en arredor de 67 millóns de euros. 

“O Partido Popular inmobilizou os remanentes, coa centralista e reaccionaria Lei Montoro, e agora o PSOE pretende entregarllos a Madrid. No momento no que son máis necesarios eses remanentes, Facenda pretende incautar 65% dos aforros de Vigo”, explicou o concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas. 

O portavoz municipal nacionalista defendeu que estes recursos “permitirían despregar medidas moi importantes para enfrontar as consecuencias da pandemia, para alargar as políticas sociais e evitar que nigunha viguesa e ningún vigués quede atrás, e tamén para fortalecer o noso tecido produtivo e comercial e crear as condicións para xerar emprego” 

A recollida de sinaturas ponse en marcha co obxectivo de forzar unha rectificación e esixir o dereito da cidade de dispoñer dos seus propios recursos. “Chamamos as viguesas e os vigueses a se mobilizar nas redes sociais e a través desta recollida de sinaturas, para obrigar o Goberno español a que desista deste intento de roubo do diñeiro que é da cidade, para que o Concello poida usalo para atender as necesidades da veciñanza”, afirmou Igrexas. 

Críticas ao papel de Caballero 

Igrexas volveu criticar o cambio de posición de Abel Caballero, que pasou de reivindicar o uso dos remanentes a patrocinar, como presidente da FEMP, este intento de apropiación por parte do Goberno central, acusándoo de “exercer de fontaneiro de Ferraz e da Moncloa na FEMP” en troca de facer valer os dereitos da cidade.  

Nese sentido, lembrou que nas últimas semanas e meses “todas e cada unha das forzas políticas con representación no Concello, incluído o PSOE, defendemos que Vigo tiña que dispoñer de ningún tipo de condicionalidade do cento por cento dos seus remanentes”. 

A campaña de recollida de sinaturas é accesíbel desde: www.change.org/remanentesvigo  

O BNG lanza unha recollida de sinaturas na Rede contra a incautación dos remanentes do Concello de Vigo