COMUNICADO

O BNG non participará do acto institucional do Concello de Vigo polo día da Constitución

fotogz
O BNG non participará do acto institucional do Concello de Vigo polo día da Constitución

O Bloque Nacionalista Galego decidimos, un ano máis, non participar no acto de conmemoración polo día da Constitución organizado polo Concello de Vigo esta mañá.

É claro que 42 anos despois da súa aprobación, o pobo galego e de maneira singular as clases traballadoras e populares nada temos que celebrar.

A Constitución española, configurada á medida dos herdeiros do franquismo para manter o statu quo, é a pedra basilar dun réxime político podre.

Un réxime españolista que nega o carácter nacional de Galiza e o noso dereito como pobo a decidirmos o noso propio futuro.

Un réxime ao servizo do grande capital, antepoñendo os seus intereses ao benestar do pobo, facendo prevalecer os seus lucros privados sobre os dereitos de todas e todos.

Un réxime corrupto até a medula e que blinda con impunidade os delincuentes de pescozo branco.

Un réxime que a pesar de se declarar democrático imponnos, en pleno século XXI, a condición de súbditas e súbditos dunha monarquía anacrónica e impune para amorear millóns e millóns de euros en negocios sucios, que as chamadas forzas políticas constitucionalistas se negan a investigar unha e outra vez.

Un réxime, onde as estruturas do franquismo e os seus herdeiros seguen apalancados nos principais espazos de poder institucional, xurídico e económico. Onde millares de galegas e galegos, brutalmente reprimidas e asasinadas polo fascismo e a súa ditadura de 40 anos, seguen nas cunetas e sen obter memoria, xustiza e reparación.

Neste corsé constitucional, que estrangula dereitos democráticos e que nos nega como nación, Galiza non ten futuro.

O futuro do noso País, a construción dunha sociedade xusta, igualitaria, radicalmente democrática e libre de toda forma de explotación, pasa por exercermos a plena capacidade de decisión.

Pasa por unha Galiza plenamente soberana, que oriente todos os seus recursos e capacidades a satisfacer as necesidades do pobo traballador, apostando no desenvolvemento do noso País que poña fin á emigración que expulsou nos últimos anos a máis de 200 mil mozas e mozos, moitas e moitos da nosa cidade, e que garanta o dereito irrenunciábel a vivirmos con dignidade do noso traballo na propia terra.

Por iso, o BNG non podemos homenaxear unha Constitución que o españolismo sacraliza para nos negar politicamente, para xustificar o asoballamento cultural e a discriminación da nosa lingua propia, o galego, e para perpetuar un réxime de dependencia colonial apropiándose dos nosos recursos en beneficio da elite empresarial madrileña.

O futuro pasa por democracia e soberanía, porque o pobo galego poidamos decidir libremente o noso futuro.

Vigo, Galiza, a 5 de decembro de 2020.

 

Xabier P. Igrexas

Portavoz municipal do BNG de Vigo
 

O BNG non participará do acto institucional do Concello de Vigo polo día da Constitución