O BNG propón a Paulino Campos, presidente de REDE, e ao CVC de Valadares como Vigueses Distinguidos 

rop02
Salientan o papel xogado por REDE en defensa dos dereitos das persoas residentes e dependentes, e a intensa actividade do CVC de Valadares como espazo de participación veciñal e na dinamización sociocultural. 
O BNG propón a Paulino Campos, presidente de REDE, e ao CVC de Valadares como Vigueses Distinguidos 

O Bloque Nacionalista Galego anunciou que proporá que o Centro Veciñal e Cultural de Valadares e Paulino Campos, presidente de REDE, sexan recoñecidos como Vigueses Distinguidos. A fronte nacionalista subliña a importante labor desenvolvida polo CVC de Valadares que este ano cumpre o seu 50 aniversario na promoción da participación veciñal ou a actividade sociocultural. Aliás, argumentan que sobran os motivos para recoñecer o inxente traballo da Federación Galega de Asociacions de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia ‘REDE’, nomeadamente durante o último ano de pandemia visibilizando a loita polos dereitos das persoas maiores e dependentes. 

“O Centro Veciñal de Valadares é un dos maiores expoñentes do movemento veciñal de Vigo. Unha entidade que durante o seu medio século de vida ten contribuído de maneira moi importante á dinamización de Valadares, axindo como un espazo de participación cidadá e de reivindicación, pero tamén como un actor imprescindíbel na promoción da actividade sociocultural, artística e deportiva na parroquia. Unha labor inmensa, soportada sobre a xenerosidade e o traballo voluntario da propia veciñanza que merece o recoñecemento de toda a cidade”, explicou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. 

O CVC de Valadares, fundado o 20 de xaneiro de 1971, é unha das entidades veciñais con maior antigüidade da cidade e tivo un papel destacado durante as súas cinco décadas de existencia no conxunto do movemento veciñal de Vigo. 

Igrexas tamén subliñou a importancia de recoñecer precisamente este 2021 o traballo de REDE. “Na pandemia as persoas maiores e dependentes, e as súas familias, foron os colectivos que en maior medida sufriron o golpe da enfermidade e da morte. A covid19 puxo tamén en evidencia a necesidade de avanzarmos cara un outro modelo de coidados, que impida que se poidan volver a vivir situacións como as que se produciron durante a pandemia nas residencias”.  

O portavoz municipal nacionalista explicou que son moitos os motivos para esta proposta, afirmando que  “o papel de REDE, que podemos singularizar na persoa do seu presidente Paulino Campos, ten sido fundamental para facer visíbel esta realidade cruel e inxusta  e para dar voz tanto ás persoas usuarias como as familias diante dos abusos e a desatención”.  “O seu chamamento a poñer a atención e o coidado ás persoas que máis o precisan por diante do lucro privado e  a cobiza empresarial, e o seu apelo despregar políticas públicas que poñan fin a tanta desatención, merecen de todo o apoio da cidade”, acrecentou. 

Paulino Campos Fernández, natural de Lavadores, é presidente de REDE, desde a súa fundación en 2019 en Vigo, e tamén da Asociación de Familiares e Usuarias da Residencia DomusVi Barreiro, constituída na nosa cidade no 2017. Ambos os dous colectivos teñen despregado unha continuada actividade na defensa dos dereitos das persoas residentes e das súas familias e xogaron un papel moi relevante na denuncia social dos abusos e deficiencias rexistradas nas residencias durante a pandemia.  

O BNG propón a Paulino Campos, presidente de REDE, e ao CVC de Valadares como Vigueses Distinguidos