O BNG reclama á Xunta que actúe e se faga co participación do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo da que se desprende Acciona   

foto Montserrat Prado

A deputada Montserrat Prado advirte ao Goberno de Feixóo de que este é o momento para devolver o centro hospitalario vigués á sanidade pública

Recrimina ao Executivo galego que exerza de comercial das grandes empresas e que entregue o servizo sanitario público ao capital especulativo  

O BNG reclama á Xunta que actúe e se faga co participación do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo da que se desprende Acciona   

O BNG reclama á Xunta que actúe xa e devolva o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo á sanidade pública galega mercando a participación da que se desprende Acciona, nunha operación conxunta con outras sete concesións que, como se fixo público hoxe, está valorada en máis de 480 millóns de euros e cuxo peche final co fondo de investimento francés Meridiam queda pendente agora de distintas autorizacións.  

“Insistímoslles en que actúen porque este é o momento de facerse con esas accións”, pediu no Parlamento galego a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, logo de alertar ao conselleiro de Sanidade durante a presentación dos orzamentos do seu departamento para 2021 para que o seu Goberno non cometa o mesmo erro que co hospital de Povisa do que, lembrou, “estivo en venda hai xusto un ano por 24 millóns e non o non quixeron mercalo para que non dependera de intereses privados”. “Agora teñen a oportunidade de facelo co Álvaro Cunqueiro -subliñou- e reverter este hospital privado á sanidade pública, da que nunca debeu saír”.

Prado referiuse así ao modelo de concesión articulado para o novo centro sanitario de Vigo que implica un canon de 20 anos á UTE concesionaria liderada por Acciona para cobrar o investido na construción, ademais da xestión dos seus servizos non sanitarios. “Un hospital que inicialmente estaba previsto costara 400 millóns, que ao final o Goberno do PP na Xunta adxudicouno por 1.300 millóns e cun canon que só nos orzamentos que se están presentando agora para 2021 supón 108 millóns directos para a concesionaria”, recalcou para concluír con severidade: “a sanidade pública da área sanitaria de Vigo entregada ao capital especulativo”.  

A deputada nacionalista engadiu neste sentido que a estes 108 millóns para a concesión anual do Álvaro Cunqueiro hai que sumar a achega para o hospital de Povisa, polo que, segundo cuantificou, “son 200 millóns na área sanitaria de Vigo que van directamente a mans de empresas privadas en vez de prestar o servizo dentro da sanidade pública”. Nesta mesma liña, Prado advertiu de que o fondo de investimento francés co que acciona ten o acordo de venda é o mesmo que xa controla boa parte das residencias de persoas maiores en Galiza -“e xa sabemos cal é o resultado”, remachou-, polo que instou á Xunta a que agora non lle entregue tamén o novo complexo hospitalario de Vigo.

“Actúen como Goberno do país e non como comerciais dos grandes grupos e das multinacionais, que é o que están facendo”, reprochou a portavoz de Sanidade para a continuación concluír que “isto é o que está facendo o PP e nestes orzamentos que se están presentado agora non se presenta nada que vaia cambiar esta situación”.  

O BNG reclama á Xunta que actúe e se faga co participación do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo da que se desprende Acciona