O BNG suma forzas na ría de Vigo para frear novos recheos

Encontro telematico recheos

A fronte nacionalista mantivo un encontro telemático con responsábeis institucionais das comarcas de Vigo e O Morrazo, no que participaron representantes da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo e o deputado no Congreso, Néstor Rego.

O BNG subliña o seu rexeitamento ao proxecto de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios de Vigo e reitera a súa aposta polo desenvolvemento da PLISAN como porto seco.

O BNG suma forzas na ría de Vigo para frear novos recheos

O Bloque Nacionalista Galego mantivo un encontro de responsábeis institucionais da fronte nacionalista de diferentes concellos das comarcas de Vigo e O Morrazo para sumaren esforzos en contra dos proxectos de novos recheos na ría de Vigo.

Na xuntanza, que decorreu en formato telemático, participaron, entre outros, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, os portavoces municipais do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, e o de Redondela, Xoán Carlos González, representantes da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo e mais o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego.

A principal conclusión da mesma foi a frontal oposición a novos recheos, sexan por aterramento ou por pilotes, considerando “rotundamente inxustificado” que se siga fiando o desenvolvemento das potencialidades portuarias a novas agresións ambientais contra a ría de Vigo. Neste sentido, a fronte nacionalista reitera a súa aposta polo desenvolvemento da PLISAN como “porto seco” que permita conciliar o desenvolvemento económico e produtivo e o respeito ambiental, para o que xulgan fundamental a súa conexión ferroviaria.

O deputado, Néstor Rego, deu conta da batería de iniciativas promovidas polo BNG no Congreso en relación aos proxectos de novos recheos e a proposta de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP), entre as que salientou a recente proposición non de lei na que instan ao ministerio de  Transición Ecolóxica a anular a avaliación ambiental simplificada da DEUP.

Desta maneira, o Bloque ratifica a súa vontade no conxunto da ría por confrontar a nivel social e institucional calquera proxecto de novo recheo, e agradeceu o importante traballo realizado por parte de colectivos como a Plataforma de Defensa da Ría de Vigo. 

O BNG suma forzas na ría de Vigo para frear novos recheos