O BNG de Vigo acusa o Goberno municipal de esconder o documento de aprobación inicial do novo PXOM

Xabier P. Igrexas

A fronte nacionalista esixe o acceso a toda a documentación e demandará a comparecencia da equipa redactora do Plan Xeral na vindeira xuntanza do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo.

Xabier P. Igrexas: “Non imos tolerar que o PXOM pase da escuridade dos despachos onde o estiveron elaborando a unha caixa forte para ocultarllo ás forzas políticas da oposición, ao tecido asociativo e ao conxunto da cidadanía".

O BNG de Vigo acusa o Goberno municipal de esconder o documento de aprobación inicial do novo PXOM

O Bloque Nacionalista Galego acusou o Goberno municipal de Vigo de estar a “esconder” o documento de aprobación inicial do novo PXOM. A crítica nacionalista vén despois de que a concelleira de Urbanismo, María José Caride, recoñecese este martes que se retirou o acceso aos grupos da oposición ao expediente municipal do novo PXOM por ter recibido ese documento no que se recolle o que será o próximo plan urbanístico da cidade.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reiterou esta mañá no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo a petición de que se volva habilitar o acceso ao expediente municipal do novo PXOM, que lle foi retirado aos grupos da oposición a pasada semana. Unha medida que o único que perseguía, segundo o edil, é “impedir que se poida monitorizar en tempo real a tramitación do novo Plan Xeral”.

En resposta a esta petición, a concelleira de Urbanismo, María José Caride, recoñeceu “sorprendentemente e case en forma de autoinculpación” –segundo Igrexas– que a retirada do acceso ao expediente municipal debíase a que a equipa redactora viña de facer entrega do documento de aprobación inicial do novo PXOM.

Igrexas cualificou de “gravísimo e escandaloso” o acontecido, criticando que a información sobre a entrega do documento de aprobación inicial, que é na práctica o novo planeamento urbanístico, só se dese despois de reclamar acceso ao expediente municipal. O portavoz municipal nacionalista considerou que con esta decisión “o Goberno municipal de Abel Caballero insiste na política ocultación e opacidade coa que xestionan o novo PXOM desde o primeiro momento”.

“É claro que o único que pretenden é dificultar que as forzas da oposición poidamos estudar en detalle e coa profundidade necesaria un documento estratéxico para a cidade como é o novo Plan Xeral”, reprochou Igrexas.

A fronte nacionalista continuará a esixir o acceso ao expediente municipal e anunciou que demandarán que a equipa redactora do novo PXOM compareza na vindeira xuntanza do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, para que expliquen diante do “máximo organismo de dirección da política urbanística da cidade” o documento de aprobación inicial.

“Non imos tolerar que o PXOM pase da escuridade dos despachos onde o estiveron elaborando a unha caixa forte para ocultarllo ás forzas políticas da oposición, ao tecido asociativo e ao conxunto da cidadanía”, advirten. 
 

O BNG de Vigo acusa o Goberno municipal de esconder o documento de aprobación inicial do novo PXOM