O BNG de Vigo alerta de que a estas alturas non se sabe cal será a tarifa da auga en 2021

xpi auga

_A modificación da ordenanza, aprobada en solitario polo Goberno municipal, inda non é definitiva ao non se ditaminar as alegacións veciñais nin se volver levar a Pleno.  

_A fronte nacionalista demanda un debate social amplo para reformar a ordenanza cunha nova tarifa dentro dun novo modelo de xestión pública dun ben esencial como é a auga.

O BNG de Vigo alerta de que a estas alturas non se sabe cal será a tarifa da auga en 2021

O Bloque Nacionalista Galego alerta de que a piques de concluír o ano non se coñece cal será a tarificación dos servizos de abastecemento e saneamento de auga na cidade de Vigo para o 2021.

Así o vén de manifestar o concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, que explicou que a modificación da ordenanza fiscal número 60, que atinxe o recibo da auga, inda non foi aprobada definitivamente e que as alegacións recibidas non se ditaminaron.

O edil interpelou o Goberno municipal a este respeito na última Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda, decorrida o pasado mércores, sen obter resposta. “O BNG preguntamos de maneira clara cando se ía aprobar a nova ordenanza fiscal da auga e a única resposta que deu o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, foi o silencio”, denunciou Igrexas. Na orde do día do derradeiro Pleno do ano, convocado para o vindeiro 30 de decembro, non se inclúe esta cuestión.  

A fronte nacionalista lembrou que legalmente é preceptivo o ditame das numerosas alegacións recibidas por parte de diferentes colectivos veciñais, a asociación Acouga e particulares, antes de que o Pleno someta a modificación a aprobación definitiva. No entanto o expediente fica tramitándose na dirección de Ingresos da concellaría de Facenda desde o pasado 3 de decembro, sen que se teña dado ningún paso na súa tramitación. “É inxustificábel que a estas alturas de ano, cando faltan poucos días para o cambio de exercicio, ninguén saiba cal vai ser a tarifa da auga na cidade a partir do 1 de xaneiro”, criticou Igrexas.

Chapuzada e estafa

O portavoz municipal nacionalista entende que este “desleixo” é o corolario dunha “verdadeira chapuzada” do Goberno municipal, e reitera a oposición do BNG a unha modificación, aprobada en solitario polo PSOE, que cualifican de “estafa”. “Tal e como xa denunciamos publicamente a nova tarifa da auga suporá aumentar nun 276% os custes fixos do recibo, pasando de menos de 8 euros a case 29, e non vai representar un aforro real, xa que mesmo no caso de consumos por debaixo dos 6 m3 a diferenza será de apenas 55 céntimos, menos dun café”, argumentou.

Emporiso, desde o Bloque reiteran a necesidade de abordar un “debate social amplo, coa máxima participación de colectivos veciñais e organizacións de consumidoras e consumidores, para reformar a ordenanza cunha nova tarifa dentro dun novo modelo de xestión dun ben esencial como é a auga”. Nese sentido, as nacionalistas apostan por remunicipalizar o servizo e garantir a súa xestión cento por cento pública, superando un modelo concesional que só beneficia a Aqualia, e cunha tarifa que se aplique de maneira efectiva sobre o consumo real e que reduza o custo do recibo.

O BNG de Vigo alerta de que a estas alturas non se sabe cal será a tarifa da auga en 2021