O BNG de Vigo denuncia a total inacción da Xunta diante do momento crítico que atravesa o sector naval

barreras

A fronte nacionalista advirte do risco real de desaparición de Vulcano e Barreras e do seu impacto “definitivo” no tecido industrial.

Xabier P. Igrexas: “O Goberno galego vai seguir limitándose a presentar unha e mil veces o albergue para peregrinos? Esa é a súa política industrial para Vigo?”

O BNG de Vigo denuncia a total inacción da Xunta diante do momento crítico que atravesa o sector naval

O Bloque Nacionalista Galego volveu urxir a Xunta de Galiza a exercer as súas competencias e actuar perante a “gravísima crise do sector naval” en Vigo. As nacionalistas afean que o executivo de Feixóo se limite a facer propaganda co albergue de peregrinos mentras Vulcano e Barreras “afunden”.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou que segundo os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa en Vigo destruíronse 5.700 empregos industriais no último ano, e que neste sector hai a día de hoxe 7.000 traballadoras/es que na altura do 2009. “Vigo atravesamos unha clara situación de emerxencia produtiva e laboral, agudizada por unha gravísima crise industrial, con actividades estratéxicas como o sector naval nun punto límite”, advertiu.

Igrexas criticou a continuada inacción do Goberno galego perante o momento crítico que atravesan os estaleiros Vulcano e Barreras. “Desde o BNG pregúntamonos onde está a Xunta de Feixóo, onde está o conselleiro Francisco Conde, onde a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias?” inquiriu.

“Queremos que o Goberno galego explique ás viguesas e vigueses que accións e xestións concretas teñen feito até o momento e que van facer para evitar a desaparición definitiva do antigo Vulcano e de Barreras. Ou van seguir limitándose a presentar unha e mil veces o albergue para peregrinos? Esa é a súa política industrial?”, reclamou o edil nacionalista.

A fronte nacionalista interpelará mañá o Goberno galego, na Comisión de Industria do Parlamento, a través dunha batería de preguntas da deputada, Carmela González, a respeito da situación que atravesa Barreras.

“Deixar caer Barreras e enterrar Vulcano pode ser o golpe definitivo para o naval vigués. Nin a cidade, nin a comarca, nin o País podemos permitirnos ese luxo”, advirte Pérez Igrexas, que insiste en reclamar unha “intervención pública directa” para garantir a continuidade da actividade e do emprego.

O BNG de Vigo denuncia a total inacción da Xunta diante do momento crítico que atravesa o sector naval