O BNG de Vigo interpela o Goberno municipal urxindo a reapertura do Centro de Artesanía Tradicional

centro-de-artesania-tradicional-cat
  • Xabier P. Igrexas acusa ao executivo de practicar unha política de "desertización" que condena a cidade "á irrelevancia cultural".
  • O Centro de Artesanía Tradicional leva fechado desde o mes de xaneiro e a Xunta de Goberno Local vén de decidir utilizar o seu edificio para outras finalidades.
O BNG de Vigo interpela o Goberno municipal urxindo a reapertura do Centro de Artesanía Tradicional

O BNG interpelou esta mañá o Goberno municipal a respeito da reapertura do Centro de Artesanía Tradicional (CAT). Na Comisión Informativa de Cultura, o concelleiro do Bloque, Xabier P. Igrexas, preguntou ao executivo cando ten previsto volver abrir o CAT, fechado desde o pasado mes de xaneiro. Igrexas demandou tamén que se aclare en que lugar e con que programación, após se coñecer que a Xunta de Goberno Local decidiu destinar o edificio que sediaba até o momento o centro a outros usos, concretamente da Concellaría de Benestar Social.

O portavoz municipal nacionalista salientou que o CAT era "unha aposta clara da cidade para poñer en valor o acervo etnográfico e a forza da nosa tradición e artesanía" que para alén da súa función expositiva desenvolvía un importante papel na difusión e dinamización.

Igrexas encadrou a situación do CAT dentro da política de "desertización cultural" que practica o goberno de Abel Caballero e que está marcada, segundo denunciou, polo "nulo respeito cara todo o que teña a ver coa cultura galega". "En lugar de baixar a persiana dun espazo como o CAT o que tiña que facer a concellaría de Cultura era redobrar esforzos e facer unha aposta decidida pola política cultural", esixiu.

Emporiso, desde a fronte nacionalista urxen unha rectificación do que cualifican como "política cultural suicida que vai camiño de colocar a Vigo na irrelevancia cultural cando podía ser un motor cultural en Galiza". Igrexas ligou a situación do CAT coa renuncia a poñer en marcha o Centro Galego de Fotografía, destinando o seu edificio a ser sede administrativa da Deputación provincial, como exemplos da "desertización cultural" que atravesa a principal urbe galega.

O BNG de Vigo interpela o Goberno municipal urxindo a reapertura do Centro de Artesanía Tradicional