O BNG de Vigo oponse ao centro de saúde “talla bonsai” que o PP pretende impor en Bouzas

bng bouzas

A deputada, Alexandra Fernández, rexistrou unha nova batería de iniciativas no Parlamento galego, para asegurar que o centro se dote de 6 consultas médicas e conte tamén con atención pediátrica e traballo social.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, trasladou publicamente o apoio da fronte nacionalista ao Goberno municipal de Pontevedra diante da “campaña mafiosa” promovida por ENCE e o Partido Popular.

O BNG de Vigo oponse ao centro de saúde “talla bonsai” que o PP pretende impor en Bouzas

O Bloque Nacionalista Galego volveu rexeitar o proxecto recortado que a Xunta do PP tenciona impoñer para o novo centro de saúde en Bouzas. A deputada, Alexandra Fernández, vén de promover unha nova batería de iniciativas no Parlamento galego para demandar que se dote o centro do persoal necesario para atender 6 consultas de medicina de familia e os servizos de enfermería e tamén que se inclúa atención pediátrica e traballo social.

Fernández, que compareceu en rolda de prensa canda o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou os recortes aplicados pola Xunta do Partido Popular sobre o proxecto inicialmente definido para o novo centro de saúde da vila de Bouzas. “Despois de anos de promesas agora traen un minicentro tamaño bonsai, sen pediatra nin traballadora social”, denunciou.

Neste sentido, as iniciativas da nacionalista esixirán explicacións ao Goberno galego de cal vai ser a dotación de persoal prevista para o novo centro e demandando garantías de que se sexa suficiente para dimensionar suficientemente a atención sanitaria, revertendo a intención de a reducir.

Desfeita sanitaria

Pola súa parte o concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, encadrou os recortes que se pretenden aplicar no centro de saúde de Bouzas dentro da política “privatizadora e de recortes coa que a Xunta do PP converteu a área sanitaria de Vigo na zona cero da desfeita sanitaria”.

Igrexas lembrou que na recente tramitación do orzamentos da Xunta para este ano 2021 o Partido Popular rexeitou todas as emendas do BNG nas que se reclamaba o rescate da concesión privada do Hospital Álvaro Cunqueiro, a integración de Povisa no Sergas ou o reforzo da Atención Primaria.

Solidariedade co Goberno de Pontevedra

O portavoz municipal nacionalista expresou desde a rolda de prensa o “total apoio e solidariedade” do BNG de Vigo co Goberno municipal de Pontevedra, como xa lle trasladou persoalmente no día de onte ao alcalde Miguel Fernández Lores, diante da “campaña mafiosa promovida por ENCE e asumida polos seus sicarios políticos do Partido Popular".

Unha campaña que se está a manifestar nun "hostigamento e acoso inaceptábeis" contra o goberno da cidade do Lerez por defender con coherencia unha posición respaldada de maneira clara por unha maioría social que demanda a saída da factoría da súa actual localización para poñer fin a décadas de agresións ambientais contra a ría de Pontevedra.

O BNG de Vigo oponse ao centro de saúde “talla bonsai” que o PP pretende impor en Bouzas